A veciñanza da Órrea acolle unha nova charla sobre o proxecto eólico Arno

TerraChaXa | AMariñaXa
Será impartida pola Asociación Ventonoso, especializada en enerxías renovables
vecinos-santa-comba-da-orrea-eolicos
26 Aug 2025

A Asociación de Veciños de Santa Comba da Órrea, no concello de Riotorto, acollerá este mércores, 27 de agosto, unha nova charla informativa sobre o proxecto do parque eólico Arno, nunha actividade financiada pola Deputación de Lugo e organizada pola asociación veciñal. O encontro, celebrado na Escola de Órrea, complementa a realizada a pasada semana.

Durante dúas horas, os asistentes recibiron información detallada sobre o proxecto, con documentación técnica e valorativa que permitiu coñecer os pros e contras da instalación. A asociación veciñal advertiu da importancia de que os veciños e veciñas presenten alegacións, lembrando que o prazo remata o 8 de setembro. Segundo explicaron, a tramitación afecta de maneira directa á parroquia e o número de alegacións pode servir como mecanismo de presión á hora de negociar coas empresas.

Un dos aspectos máis destacados da sesión foi a revelación de que a sociedade promotora do proxecto conta cun capital social de tan só 3.005 euros, "o que xera dúbidas sobre a súa responsabilidade en caso de posibles conflitos".

A charla deste mércores será impartida pola Asociación Ventonoso, especializada en enerxías renovables. Nesa xuntanza presentaranse modelos de alegacións, propostas de contratos e ferramentas de negociación coas empresas, ademais dun modelo de personamento no procedemento administrativo para que os propietarios poidan seguir a evolución da tramitación.

⚙ Configurar cookies
0.18905901908875