A veciñanza de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito volverá concentrarse pola atención pediátrica
A veciñanza volverá concentrarse este domingo, 10 de novembro, ás 12.00 horas, diante do centro de saúde da Feira do Monte, para protestar polo servizo de pediatría para os concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito. A manifestación está apoiada polo PSOE, BNG e SLG, entre outros.
Esta é a segunda concentración deste tipo que se produce e a anterior tivo lugar en Castro Ribeiras de Lea o mes pasado.
"As familias afectadas, queremos expresar o noso profundo malestar pola situación inaceptable que estamos a vivir co servizo de pediatría. A nosa pediatra, coma calquera profesional, ten todo o dereito a ausentarse por enfermidade ou outras razóns, pero as nosas familias tamén teñen dereito a que o servizo non quede sen cubrir, especialmente cando falamos da saúde das nosas fillas e fillos", explican dos demandantes.
Afirman que a falta de substitucións está a crear un baleiro na atención pediátrica "que non podemos seguir tolerando. Non podemos depender de saber no mesmo día se haberá ou non servizo, e moito menos aceptar que a persoa que cubra non sexa pediatra. Isto non pode ser a norma nun sistema que debería garantir unha cobertura mínima e estable".
Os manifestantes xa solicitaron a veciños e afectados que presenten reclamacións masivas a través dos impresos dispoñibles nos centros de saúde ou mediante a app do Sergas coa Chave 365.
"A saúde das nosas crianzas non pode ser tratada como un servizo de segunda. Esiximos medidas inmediatas para garantir un servizo pediátrico constante e de calidade", din.