A veciñanza de Chamoselo ofrece As Pontes como lugar de expansión da empresa Hijos de Rivera
O local social da Asociación de Veciños Beira do Eume acolleu un encontro entre a veciñanza das Pontes, representantes do tecido empresarial do Concello, e Ignacio Rivera, presidente executivo da corporación Hijos de Rivera, na que o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, exerceu de anfitrión.
Na súa intervención, González Formoso dáballe a benvida a Ignacio Rivera lembrando que cumpría a palabra dada á veciñanza do Chamoselo de levar ao empresario ao lugar de orixe da súa familia, xa que José María Rivera Corral, fundador da empresa e bisavó do actual presidente executivo, naceu nese lugar das Pontes no 1856.
Trala presentación, foi a quenda de intervención de Ignacio Rivera, que agradeceu o recibimento ofrecido e afirmou sentirse orgulloso das súas orixes, visitando o lugar de nacemento do seu bisavó. Tamén quixo aproveitar a ocasión para responder ás preguntas que lle formulou o público asistente.
Deste xeito, o rolda de preguntas serviulle a Ignacio Rivera para facer un percorrido da súa vida profesional dende que entrou na compañía ata a actualidade. Tamén falou o director xeral de como medrou a compañía dende a súa incorporación nos anos 90, na que tamén ocupou o cargo de director de Markentig e repasou algunha das campañas publicitarias e estratexias que lanzaron a súa marca.
En canto ao futuro da empresa, Ignacio Rivera desvelou que ademais das novas instalacións que se están construíndo no Concello de Arteixo para asumir toda a demanda de produto que existe actualmente no mercado nacional e internacional, teñen en mente novos proxectos en Sudamérica (principalmente en Brasil), Estados Unidos, África e Asia.
Os empresarios e empresarias presentes neste encontro aproveitaron esta visita para lembrarlle a Ignacio Rivera que As Pontes pode ser un enclave estratéxico para a implantación dalgún proxecto empresarial da compañía, xa que conta con espazos industriais e boa comunicación coas principais arterias terrestres e marítimas de Galicia.
Mesmo houbo lugar para que as estudantes de secundaria que participan nun proxecto educativo da Asociación de Empresarios Seara puidesen expresar as súas inquedanzas, ás que Ignacio Rivera animou a emprender e equivocarse, xa que segundo as súas palabras, é o camiño para aprender.
Para rematar o acto, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso fíxolle entrega a Ignacio Rivera dunha placa conmemorativa no nome da veciñanza do Chamoselo para agradecerlle a súa visita, e na que se facía mención ás orixes pontesas da súa familia. O empresario, visiblemente emocionado, prometeu gardar ese recordo nun lugar destacado do seu despacho.