A veciñanza de Guitiriz concentrouse contra o recorte en Educación

TerraChaXa
A Xunta non desdobra unha das aulas de 2º de primaria segundo protestaron
manifestacion-colexio-guitiriz-educacion
4 sep 2024

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, asistiu á concentración convocada polas familias do CEIP de Guitiriz, onde co novo curso non se produciu o desdobramento do grupo de 2º de primaria no centro de ensino. Valcárcel afirmou que esta medida "reduce a calidade do ensino público, ao aumentar a ratio de alumnos por aula", e criticou que o PP desde a Xunta de Galiza "leva 15 anos recortando e desprestixiando o ensino público".

“A Consellería de Educación volta cun novo curso de rebaixas, con menos profesorado, alumnado por riba das ratios nas aulas, agrupación de distintos niveis e peche de unidades e centros no rural”, afirmou Montse Valcárcel, que engadiu "apoiaremos todas as mobilizacións en loita por un ensino de calidade, nun novo inicio de curso caótico por parte da Xunta"

Montserrat Valcárcel compartiu as propostas educativas do BNG, como ofertar todas as prazas necesarias nos centros de ensino públicos, reducir as ratios nas aulas ou dispoñer do persoal docente necesario para unha boa atención a todo o alumnado, tamén á diversidade. Para o BNG é urxente substituír o actual modelo de axudas ás familias por unha “gratuidade universal dos libros de texto e material escolar nas etapas obrigatorias, máis económico e para todos e todas”, explicou.

0.19068098068237