A veciñanza de Momán reclama unha solución para as deficiencias de cobertura
O presidente da Sociedade Recreativa Cultural de Momán, Rodrigo Feal Paz, colectivo que está integrado na Federación Provincial de Asocicións Veciñais Lucus Augusti de Lugo, vén de remitir un escrito ás diferentes autoridades do Goberno Central e a Xunta de Galicia competentes nesta materia no que solicita que se acometan as vías de solución necesarias para paliar "a grave deficiencia de cobertura" que os veciños e veciñas da parroquia de Momán, en Xermade, "sufrimos na actualidade".
Tal e como explica, "estámonos referindo a unha poboación diseminada, cun único núcleo urbano que conta cos servizos de telefonía por cable -cobre-, cunha velocidade claramente insuficiente, debido á súa tecnoloxía obsoleta, para as esixencias da vida actual. "O resto da parroquia, está formada por núcleos rurais onde os servizos de internet limítanse á tecnoloxía 4G e con cobertura moi deficiente nalgunhas vivendas, debido á orografía", din.
Así mesmo, aseguran que hai "graves deficiencias" na recepción de TDT terrestre, das canles de televisión e das franxas horarias; problema que sofren a práctica totalidade dos veciños e veciñas da parroquia.
"Non podemos obviar, que estamos a nos referir a unha poboación, na súa maioría, de idade avanzada, e que non conta con coñecementos en tecnoloxía dixital, polo que a televisión é a súa principal fonte de información e entretemento", engade.
Leal, en representación da Sociedade Recreativa Cultural de Momán, que aglutina a 64 familias, solicita que os representantes públicos con competencia directa na materia acometan, o máis axiña posible, unha solución viable aos problemas de recepción de TDT, fundamental para a información e entretemento diarios dos veciños e veciñas da parroquia de Momán, que debido á súa idade -na maioría dos casos, avanzada-, así como ao seu escaso coñecemento e manexo das tecnoloxías dixitais, non poden acceder á información vía televisión, debido á deficiente cobertura e velocidade da internet.
Pide tamén a mellora na cobertura da internet 4G e a substitución da tecnoloxía da internet por cable de cobre por fibra óptica. "Neste sentido, solicitamos, tamén, a extensión da fibra óptica á totalidade dos veciños e veciñas, do mesmo xeito que se realizou noutros concellos", aclara.