A veciñanza de Muras maniféstase tras dúas semanas sen médico

TerraChaXa
Cargos orgánicos e institucionais do BNG participaron na concentración no centro de saúde de Muras en demanda da consulta médica no mesmo, da que non pode dispoñer a veciñanza desde hai dúas semanas.
bng muras centro medico
22 Mar 2024

Cargos orgánicos e institucionais do BNG participaron na concentración no centro de saúde de Muras en demanda da consulta médica no mesmo, da que non pode dispoñer a veciñanza desde hai dúas semanas. Desde esa data, o médico só acude esporadicamente a facer receitas, pois o Sergas procedeu a bloquear todas as consultas. O deputado no Parlamento Daniel Castro, o deputado provincial Daniel García e o responsable comarcal do BNG Antonio Veiga acompañaron á veciñanza e ao alcalde Manuel Requeixo na concentración reivindicativa.

Daniel Castro anunciou que levará ao Parlamento esta grave situación que atravesa o Concello de Muras “situación que non é moi diferente á que están atravesando outros concellos da contorna e de toda a comarca, ben sexa pola falta de médicos ou pediatras, como foron e son os casos do Vicedo, Viveiro, A Pontenova, Riortorto... co cal queda patente unha vez máis o proceso de desmantelamento da atención primaria na comarca e no País” afirmou o deputado.

O alcalde Manuel Requeixo, na súa intervención ante a veciñanza recordou que o centro de saúde foi arranxado no 2022 con 262.524 euros de fondos do propio concello sen que a Xunta puxera un só céntimo despois de telo prometido “e agora para máis burla quítanos o médico” afirmou. Insistiu tamén na continua perda de servizos dos concellos pequenos e a escasa colaboración da Xunta con eles, manifestando que “non podemos permitir a perda dun servizo máis, a Xunta tén que facilitar a vida a todas e todos os que viven no rural e un dos principais servizos é a atención sanitaria, por eso non lle imos permitir nin á Xunta nin ao PP ningún ataque máis a Muras”.

0.21686601638794