A veciñanza de Muras poderá participar nunha excursión ao Balneario de Mondariz

O Concello de Muras anunciou a organización dunha excursión ao Balneario de Mondariz o vindeiro martes 4 de novembro. A actividade pretende ofrecer aos veciños unha xornada de convivencia e descanso, ademais de dar a coñecer un dos enclaves termais máis emblemáticos de Galicia, con gran riqueza patrimonial, histórica e natural.
A saída está prevista para as 06:30 da mañá, co obxectivo de almorzar xa nas instalacións do balneario. O programa inclúe unha charla sobre saúde, unha visita turístico-histórica con cata de augas e, posteriormente, un xantar tipo bufete no restaurante do complexo.
Despois do xantar, os participantes poderán gozar do circuíto termal do Pazo da Auga, que conta con piscina, bancos de hidromasaxe, contracorrentes, xéiseres, fervenzas, saunas aromáticas, jacuzzis e unha poza de auga quente ao aire libre. Segundo o concello, trátase dunha experiencia pensada para regresar a casa “relaxados e renovados”.
O prezo da actividade é de 45 euros, que inclúe o desprazamento de ida e volta e o acceso a todas as instalacións. O pagamento realizarase directamente no balneario o mesmo día da excursión.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores 29 de outubro, contactando co Concello de Muras e preguntando por Lorena, a traballadora social responsable da actividade. Desde o consistorio animan á veciñanza a participar, asegurando que será “un día diferente e moi especial”.