A veciñanza de Parga concéntrase contra "os recortes do Sergas" fronte ao HULA

Veciños e veciñas de Parga e Guitiriz concentráronse este luns diante do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, para protestar pola situación da atención sanitaria no municipio, que consideran minguada pola falta de profesionais médicos e pola ausencia de consulta presencial no consultorio de Parga.
A mobilización contou co apoio dos tres grupos políticos da Corporación municipal —PSOE, PP e BNG—, que acudiron de maneira conxunta tras aprobar no último pleno unha moción para reclamar a recuperación completa dos servizos sanitarios. Durante a concentración reclamouse á Xerencia da Área Sanitaria unha resposta inmediata ás demandas da veciñanza.
Os manifestantes non puideron ser atendidos polos responsables sanitarios, ao non estar dispoñibles no momento da protesta. Esta acción súmase á realizada días atrás en Parga, fronte ao consultorio local, que actualmente só mantén servizo de enfermaría. O desprazamento ata Lugo realizouse maioritariamente nun autobús financiado polo Concello de Guitiriz e pola Comunidade de Montes.
A situación arrástrase desde a pandemia, cando o Sergas pechou o consultorio para centralizar a atención, unha decisión que provocou protestas continuadas e reclamacións institucionais. A reapertura produciuse tempo despois, pero sen recuperar plenamente os servizos, o que mantivo o malestar veciñal.
Na actualidade, o municipio pasou de contar con cinco médicos a dispoñer só de dous en activo, debido a vacacións, baixas e procesos de mobilidade, quedando ambos adscritos ao centro de saúde de Guitiriz. A veciñanza critica tamén a falta de información previa e os atrasos nas citas médicas.
Pola súa banda, o Sergas asegura que non existe ningún peche nin recorte asistencial e que a reorganización é temporal, motivada pola falta de facultativos substitutos durante o Nadal. Afirma que o consultorio de Parga segue aberto con servizo de enfermaría e que, unha vez rematado o período vacacional, recuperarase a atención médica habitual.