A veciñanza de Parga denuncia o peche do centro médico durante agosto

TerraChaXa
A asociación veciñal #Parganonsedivide lamenta que Parga volva quedar sen atención sanitaria no mes de agosto, o mes de maior actividade.
centro de saude parga
8 Xul 2023

A asociación veciñal #Parganonsedivide lamenta que Parga volva quedar sen atención sanitaria durante o mes de agosto, o mes de maior actividade.

Dende a asociación #Parganonsedivide esixen da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña que dea marcha atrás no peche do Consultorio de Parga durante todo o mes de agosto e cualifican a medida coma “unha nova tomadura de pelo á cidadanía de Parga sen xustificación algunha que nos deixa sen atención sanitaria durante o mes de agosto, no que aumenta a poboación e a actividade e, polo tanto a demanda de atención.”

Dende a plataforma lamentan que os usuarios e usuarias do Centro Médico se tiveran que enterar “por unha nota colgada na porta por parte dos traballadores que non ofrece ningunha explicación, mentres os responsables desta situación: A Xerencia do Sergas e os seus responsables políticos do PP agochan decisións políticas de recortes sanitario coma meras incidencias administrativas e de persoal. A dotación de persoal sanitario para reforzar períodos de maior intensidade ou cubrir baixas e vacacións depende directamente de decisións políticas, adoptadas nos despachos do Sergas e da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza, e, puidemos comprobar estes anos como estas decisións ían encamiñadas a unha redución sistemática que en Parga nos afectou durante a pandemia e que non se corrixiu ao rematar esta como se prometeu, se non que se vé agravada. As políticas do PP na sanidade e no rural volven a prexudicar aos usuarios e usuarias de Parga”.

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a pandemia, que nunca se cumpriu totalmente porque tanto a enfermería coma a atención médica só se cubren de xeito parcial, “dous días cada ún dos médicos e catro no caso de enfermería, cando antes do Covid tiñamos dous médicos e unha enfermeira a tempo completo os cinco días da semán.” rematan.

centro saude parga
0.11346817016602