A veciñanza de Parga reclama a creación dun Consello Económico de Social
A Asociación de veciños e veciñas do Campo da Feira de Parga vén de presentar unha nova petición ao Pleno de Guitiriz na que reclama a creación do Consello Económico e Social Municipal, de carácter consultivo do Goberno Municipal, en materia socioeconómica e laboral.
"Entendemos que a composición, función, órganos, organización representadas e expertos, así como o seu funcionamento deberá ser regulada en base a un documento que deberá aprobar o Pleno Municipal para cuxa elaboración e redacción nos brindamos a participar e colaborar como asociación implicada no tecido económico e social do noso Concello", explica o escrito.
O colectivo espera que os tres grupos con representación municipal "teñan a ben dar curso a esta solicitude, por que ademais de cumprir cun requirimento constitucional, permitiría, dar participación e recoller as aportacións que o tecido asociativo do noso Concello levaría a cabo en dito órgano", engaden.
A asociación explica tamén que durante a pasada campaña electoral, correspondente ás eleccións municipais, a asociación, a través dos medios de comunicación, fixo unha serie de propostas e peticións ás tres candidaturas que concorreron as mesmas, polo que, "retomando aquela proposta, reiteramos a argumentación rexistrando o presente escrito dirixido a PSdeG-PSOE, PPdeG-PP e BNG".