A veciñanza de San Vicente de Pena quéixase ante o alcalde do estado das súas vías

TerraChaXa
Consideran que Ulla ten "totalmente abandonada" a parroquia
estado-estradas-san-vicente-de-pena-begonte
O estado dalgunha das vías na parroquia
30 Xuño 2024

Desde a Asociación Veciñal de San Vicente de Pena, denunciaron o "lamentable estado" no que se atopan as pistas da parroquia de San Vicente de Pena, no Concello de Begonte.

Segundo afirman nun comunicado, os veciños que transitan diariamente por estas pistas teñen que sufrir unha situación calamitosa que provoca danos en vehículos.

Consideran que "o Concello ten totalmente abandonada á parroquia" e debido a isto, solicitan que se tomen as medidas oportunas de asfaltado, limpeza de cunetas e acondicionamento, "para dispoñer dunhas pistas nun estado aceptable".

As principais queixas están centradas nas malas condicións das cunetas no barrio de Hedreira, que fai que se produzan riadas coas fortes chuvias, facendo que en inverno coas xeadas sexan moi perigosas. En Tras das Pereira a pista é moi estreita e ten o firme esnaquizado sendo de moi difícil acceso para os vehículos de emerxencia.

Afirman que a estrada de San Vicente de Pena a Piedrafita está totalmente intransitable, ao igual que o acceso do barrio da vila á escola e o campo da festa.

Outros dos puntos cruciais da súa queixa está no propio campo da festa, xa que se forma un lameiro cando chove e a cuneta non é suficiente para evacuar polo que a lama chega ao campo da festa e á entrada do local social.

En moi mal estado están tamén as cunetas e o firme na vía que une O Pazo do Souto e a escola. Completan a listaxe co desnivel que hai en Fonte de Ribadecardos e o mal estado do acceso á igrexa.

0.048497915267944