A veciñanza de Vilapedre celebra este sábado a súa primeira andaina

A Asociación de Veciños de Vilapedre organiza a súa primeira andaina, unha actividade que busca promover o sendeirismo e o contacto coa natureza entre a veciñanza. A ruta terá lugar o vindeiro 29 de novembro, cunha saída prevista ás 9.30 horas desde a Casa da Escola.
A xornada inclúe un percorrido de 9 quilómetros catalogado como de dificultade sinxela, cun desnivel aproximado de 250 metros e unha duración estimada de dúas horas. Ao remate da actividade, as persoas participantes serán recibidas con pinchos e recibirán un pequeno agasallo conmemorativo. Ademais, contarán cun guía que acompañará o grupo durante todo o traxecto.
A inscrición ten un custo de 5 euros por persoa e recoméndase acudir con calzado de sendeirismo e roupa axeitada para a marcha. A organización dispón dos teléfonos de Leticia e José Luis para realizar as reservas.