A veciñanza opina sobre as festas vilalbesas
Xuntanzas familiares e de amigos destacan para un colectivo que asegura estar moi contento e expectante pola celebración das festas.
Os veciños e veciñas da vila de Vilalba están expectantes coa chegada das Festas do San Ramón deste ano, xa que en todas as súas edición foi enchendo o pobo de visitantes, turistas e persoas que son da vila pero que viven fóra e volven só para desfrutar destas xornadas de alegría e festa.
Unhas xornadas festivas que inclúen actividades diversas que están destinadas a todos os públicos, desde pequenos a maiores, e para todos os gustos. Así, haberá iniciativas especiais infantís, gastronómicas, musicais, deportivas e culturais. É dicir, calquera persoa que se achegue atopará algunha actividade coa que pasalo ben e desfrutar.
Moitos son os veciños e veciñas de Vilalba que din estar “ilusionados” por esta nova edición e queren que chegue xa, como esta parella vilalbesa, que sostén que sempre van ás festas.
“Pasámolo moi ben sempre. Antes, cando eramos máis mozos, adoitábamos ir á xira sempre cos amigos e en cuadrilla. Agora, somos máis de ir á sesión vermú e desfrutar da música. Deste ano, o único que botamos en falta son máis concertos, xa que hai moita orquestra, pero non concertos de artistas recoñecidos, que si os houbo outros anos. Porén, iremos e desfrutaremos das festas da nosa vila”.
Outra parella de Vilalba, que apostou por quedar na vila e formar a súa familia aquí, coa súa filla.
“Gústanos ir ás festas do San Ramón e imos todos os anos. Cando eramos máis novos participabamos en cuadrillas cos amigos na Xira, pero tamén iamos aos concertos e ás sesións vermú. Agora, coa nena, participamos nas actividades infantís, nas que hai moita xente, familiares e grupos de amigos cos que compartimos o noso tempo. Porén, cremos que faltan concertos este ano. Son unhas festas como descafeinadas. A pesar de todo, está ben ter tantos días de festa e, sobre todo, o Día da Bicicleta gústanos moito. Por outra banda, gústanos que se encha a vila de xente, que corten a rúa principal que, ademais, agora está reformada e pasan menos coches. Todo é bo para que se volva a poñer en valor a nosa vila”.
Con respecto a xeracións máis novas, estas tamén desfrutan das festas, que ofrecen diferentes sesións musicais axeitadas para as súas necesidades. Así, falamos con ‘Nuria Fiestas’.
“As festas do San Ramón son moi intensas e a min encántanme. Son Nuria Fiestas, coñéceme todo o mundo en Vilalba así porque me encanta a festa e sempre teño ganas de troula e son a que anima a todo o mundo. Á xira vou cunha cuadrilla de amigos, pero tamén colaboro e organizo sesións de música electrónica techno, que haberá despois das orquestras. Aínda así, queriamos máis música diversa e para todos os públicos, xa que este ano hai demasiadas orquestras, o que se resume en que se xunte toda a xente maior nelas e os demais só poidamos desfrutar dalgunha sesión de dj. Ademais, para chegar ás actuacións das orquestras, hai que ir por un camiño que non está sinalizado e moitas veces a xente pérdese. Deberían facer un percorrido para que a xente chegue á festa sen problemas”.
Esta opinión non só é a de Nuria Fiestas, unha rapaza de vinte e poucos anos, senón que outros veciños máis maiores tamén sosteñen a mesma idea.
“Gústanos que se encha a vila de xente e que corten a rúa principal, que ademais, agora está reformada”
“Invístese demasiado diñeiro en orquestras, pero as festas do San Ramón sempre son moi interesantes”
“Invístese demasiado diñeiro en orquestras, pero as festas do San Ramón sempre son interesantes. A min gústame bailar e cando era máis novo ía en cuadrilla cos amigos, agora menos, pero sempre participo das festas, gústanme moito e hai moitas actividades nas que se pode participar ademais de ir ás orquestras”.
Outra rapaza e traballadora vilalbesa opina que as festas con un punto de encontro familiar, “para min, estas festas de San Ramón sempre foron moi entrañables, de encontro coa familia e os amigos, un momento no que remata o verán e hoxe en día sigo desfrutándoas, pero participo de maneira distinta, máis sosegada e tranquila. Xa non participo da xira campestre, xa que hai moita aglomeración de xente, pero si que participo nas actividades infantís co meu fillo, imos ás atraccións e ás verbenas, ás que veñen as orquestras”.
Así mesmo fala dos concertos “o ano pasado, por exemplo, veu Manu Chao, que nos gustou moito e xusto iso boto de menos este ano, que traian concertos grandes que atraian a xente, xa que Vilalba é un lugar que está moi ben situado, ten moitas parroquias e creo que estas iniciativas que chaman a xente para vir á nosa vila é importante”.
Por outra banda lémbrase dalgunha tradición que existía anteriormente como as Raíñas das festas. “Lembro que antes, ademais, había unha idea de damas e raíñas no que participamos e que consistía en ser a representante de entidades ou organizacións durante as festas e íamos á procesión, á feira do primeiro domingo de setembro, recadábamos fondos para Cruz Vermella, asistía a partidos do Rácing Vilalbés… Agora xa non hai diso, pero hai actividades interesantes”.