A Verbena das Candeas repetirase en Meira este luns

Despois do éxito do ano pasado, Meira volverá contar este luns coa Verbena das Candeas, unha celebración de moito arraigamento na vila, que levaba sen celebrarse máis de dez anos cando decidiu recuperarse no 2024.
Pola tarde-noite está prevista a verbena de tardeo, a partir das 20.00 horas na praza do Concello. Estará amenizada polo grupo D'Cano e que contará tamén con reparto de rosca de Candeas con chocolate, que serán de balde.
Para amenizar a festa haberá inchables para a rapazada, tamén de balde, sorteos e premios.
E non podería rematar esta xornada sen o Baile do Farolillo. Este consiste en executar un baile en parella e rematalo co farol aceso. A norma principal é que non vale apagar os farois dos demais.
Previamente, ás 13.00 horas, celebrarase a misa das Candeas, seguida da procesión da época dos monxes polas naves da igrexa.
Esta sesión, que pretende recuperar unhas das festas tradicionais máis vistosas da vila, está organizada polo Concello xunto ás asociacións de Meira.