A Verbena das Candeas repetirase en Meira o domingo 2 de febreiro
Despois do éxito do ano pasado, Meira volverá contar este ano coa Verbena das Candeas, unha celebración de moito arraigamento na vila, que levaba sen celebrarse máis de dez anos cando decidiu recuperarse o ano pasado.
Así, ás 13.00 horas terá lugar a misa de Candeas na igrexa de Meira, seguida da bendición e a procesión. Este oficio ten unha fonda tradición, que congrega todos os anos centos de persoas. O oficio conclúe co sorteo de roscas de Candeas e a posterior degustación.
Pola tarde-noite está prevista a verbena de tardeo, a partir das 20.00 horas na praza do Concello, que en caso de choiva será no pavillón. Estará amenizada polo grupo D'Cano e que contará tamén con reparto de rosca de Candeas con chocolate, que serán de balde.
Para amenizar a festa haberá inchables para a rapazada, tamén de balde, sorteos e premios.
E non podería rematar esta xornada sen o Baile do Farolillo. Este consiste en executar un baile en parella e rematalo co farol aceso. A norma principal é que non vale apagar os farois dos demais.
Esta sesión, que pretende recuperar unhas das festas tradicionais máis vistosas da vila, está organizada polo Concello xunto ás asociacións de Meira.