A Vicepresidencia da Deputación solicitará a suspensión do proceso xudicial en Candaloba

TerraChaXa
A institución provincial reiterará así a súa vontade de avanzar na salvagarda e posta en valor deste ben patrimonial, despois de iniciar en 2022 a súa incorporación ao patrimonio público
torre-de-caldaloba-cospeito
14 Oct 2025

A Asesoría Xurídica da Deputación de Lugo asistirá este martes -14 de outubro- a un acto de audiencia previa en relación coa demanda de retracto exercitada pola Xunta de Galicia pola Torre de Caldaloba.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo encomendou á representación xurídica acudir ao acto convocado polo Xulgado para solicitar a suspensión do procedemento iniciado pola Xunta e iniciar a negociación dun acordo que permita avanzar canto antes na restauración da Torre de Caldaloba.

A institución provincial reiterará así a súa vontade de avanzar na salvagarda e posta en valor deste ben patrimonial, despois de iniciar en 2022 a súa incorporación ao patrimonio público coa compra da parcela na que se sitúa a metade da fortificación e a parte fundamental do seu sistema defensivo.

A Deputación de Lugo recibiu a comunicación da demanda de retracto presentada pola Xunta de Galicia o pasado 16 de abril, dous anos e medio despois da compra dos terreos.

A Torre de Caldaloba foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994, unha figura de protección que atribúe a Xunta de Galicia a responsabilidade última da súa salvagarda, protección e posta en valor. Desde aquela, foron constantes os chamamentos da sociedade civil a intervir para frear o deterioro da fortificación.

En 2021, unha vintena de asociacións culturais da Terra Cha organizaron unha limpeza colectiva para alertar unha vez máis do seu estado e reivindicar a súa protección. Tamén se promoveron iniciativas políticas no Concello de Cospeito, no Pleno da Deputación, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, sen que a Xunta intervise na protección da Torre, en mans de varios propietarios privados.

Tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade e acordar a venda, o 29 de xullo de 2022, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a proposta da compra da parcela na que se sitúa a parte mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, co obxectivo de desenvolver nela un proxecto de recuperación, consolidación e valorización da Torre e da súa contorna, acorde co interese patrimonial, histórico e simbólico que ten para Galiza.

Como corresponde ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Deputación comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a adquisición da parcela, un trámite que contempla a lei, para que a Xunta de Galicia poida exercer o dereito de tanteo, para si ou para outras administracións.

O 4 de novembro, a un día de concluír o prazo do que dispoñía para facelo, a Xunta de Galicia comunica á Deputación de Lugo, a través dun escrito, "a intención de exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación á adquisición do ben coñecido como a Torre de Caldaloba comunicada pola Deputación de Lugo".

Desde aquela, a Xunta de Galicia non respondeu nin pola vía administrativa nin política a ningún dos procedementos ou solicitudes realizadas desde a área de Cultura, persistindo nun bloqueo que impediu a inscrición da parcela no rexistro da propiedade e calquera outro avance na protección da Torre.

Ao longo do ano 2023, a área de Cultura solicitou á Xunta de Galicia en dúas ocasións permisos de Patrimonio para actuacións de conservación, estudo e consolidación da Torre de Caldaloba, que non recibiron resposta. A primeira, o 23 de febreiro de 2023 para realizar traballos de estabilización e consolidación. A segunda, o 5 de decembro do 2023 para desenvolver sondaxes arqueolóxicas valorativas na parcela e instalar elementos de protección no pozo situado a carón da fortaleza.

A maiores, a área de Cultura concorreu á convocatoria de axudas do programa do 2% cultural do goberno do Estado cunha proposta de investimento de 868.000 euros en actuacións de investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 por ese bloqueo.

⚙ Configurar cookies
0.076375007629395