A VIII Festa da Torta de Millo de Guitiriz conta cunha ampla programación para o 1 de xuño

O 1 de xuño o Campo da Feira acollerá a VIII edición da Festa da Torta de Milo de Guitiriz, organizada polo Concello e a Deputación de Lugo, un evento que foi evolucionando ao longo dos anos e que, a día de hoxe, ofrece unha ampla programación na que, ademais da degustación e a venda do doce tradicional do municipio, tamén haberá música, exposicións, artesanía, baile, obradoiros, xogos tradicionais e máis actividades.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, e o representante de Panadería La Esquina, Juan Vázquez, presentaron hoxe, xoves 15 de maio, a programación completa da oitava edición da festa na Escola Habanera.
Un ano máis os protagonistas serán os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a tradicional torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina, así como as actuacións musicais. Este ano correrán a cargo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que actuarán ás 13:30 horas, e da Banda da Loba, que fará o propio ás 20:30 horas.
Marisol Morandeira agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo para a organización da festa e invitou “aos veciños e veciñas de Guitiriz e tamén aos que non o son, a que pasen o 1 de xuño con nós para degustar a torta, participar nos obradoiros, visitar os postos de artesanía e desfrutar dos concertos”.
Pola súa parte, Iván Castro destacou que “esta é unha festa que medra cada ano en público e relevencia. Non é só gastronómica, é cultural, é ocio...”. “Seguro que vamos a ter unha gran feira e aquí estaremos para acompañarvos”, afirmou.

Programación
A VIII Festa da Torta de Millo de Guitiriz comezará ás 11 horas coa apertura da Mostra de Artesanía e venda e degustación da torta de millo. Ás 13:00 horas empezarán as actuacións coas pandereteiras Na Casa Zoqueiro, que darán paso ao primeiro concerto, o de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que dará comezo ás 13:30 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas os xogos populares e tradicionais encherán o Campo da Feira, estendéndose ata as 18:30 horas. Ás 17:00 horas volverán a abrir os postos dos tres establecementos para a venda e degustación da torta de millo. Para as 19:30 horas está prevista unha actuación da Escola de Música do Concello, coa participación da banda municipal e do grupo de gaitas. Por último, e xa para pechar a programación, ás 20:30 horas celebrarase o concerto da Banda da Loba.
Durante toda a xornada haberá xogos tradicionais e populares, exposicións, postos de comida e tamén actividades para os máis pequenos. Ademais, instalaranse 24 postos de artesanía na praza.
Proxecto conxunto ao redor do produto
Para esta edición levouse a cabo un proxecto novidoso ao redor da torta de millo. Unha iniciativa impulsada e coordinada pola Biblioteca Municipal de Guitiriz, da que formaron parte todos os centros educativos do municipio.
Así, nos últimos meses no CEIP Lagostelle realizaron entrevistas aos 3 produtores das panadarías que participan no evento; no IES Poeta Díaz Castro levaron a cabo un concurso de debuxos; no CEIP Santo Estevo de Parga fixeron unha recolleita de receitas de cociña nas que o millo fose o produto protagonista; o alumnado da Aula Cemit do curso de Competencias Dixitais elaborou con impresoras 3D un chaveiro coa forma da torta de millo que foi empaquetado polos usuarios e usuarias do Centro de Día Casa do Capataz e que serán entregados o día da festa; e, por último, este ano a actividade ‘Tés un conto...’ organizada pola biblioteca recompilou traballos nos que había que utilizar a palabra ‘torta de millo’.
Marisol Morandeira agradeceu “a todas as persoas que participaron nesta fermosa iniciativa” e indicou que “é a mellor forma de celebrar a Festa da Torta de Millo, contar coa colaboración da xente de Guitiriz porque Guitiriz somos as persoas que o formamos”.
CONSULTA A PROGRAMACIÓN EN OCIOENGALICIA.COM