A vilalbesa Cecilia F. Santomé, acadou o terceiro premio no Manuel Murguía

TerraChaXa
A escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé obtivo co seu relato o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
cecilia 3 premio do Manuel Murguia
18 Maio 2021

A escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé  obtivo co seu relato As orfas daquel verán, o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. Na mesma cerimonia, distinguiuse tamén de entre os setenta relatos admitidos a concurso a Gabriel Gómez, segundo premio por A caverna de Lara, e a Arantza Portabales, primeiro por Xanelas.

O xurado, constituído por Álex Mene Pazos, terceiro premio na anterior edición, Beatriz Maceda Abeleira, escritora representante da Asociación de Escritoras e  Escritores en Lingua Galega, Inma Otero Varela, crítica representante da  Asociación Galega da Crítica, e Alfredo Ferreiro Salgueiro, director literario do  Certame, que asistiu en calidade de secretario, con voz e sen voto, destacou a  representación que Fernández Santomé fai no seu relato da Galicia dos anos 80, así  como da vida emigrante daquel tempo. Tamén gabou a súa aposta polas voces  femininas e a incorporación ao texto de referencias literarias contemporáneas.

A entrega dos premios, convocados pola Concellaría de Cultura do Concello de  Arteixo e que este ano celebraban o seu trinta aniversario, tivo lugar o venres, 14  de maio, no Centro Cívico Cultural da vila coruñesa. Xurxo Souto foi o mantedor do  acto, no que se homenaxeou ademais a distintos persoeiros locais vinculados coa  historia do certame e a vida cultural de Arteixo. Antes, inaugurouse o Paseo das  Letras, que lembrará os nomes dos gañadores en cada convocatoria, e plantouse  unha árbore.

O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía é un dos recoñecementos  senlleiros do sistema literario galego. No seu palmarés, figuran nomes como  Teresa Moure, Juan Tallón, Antón Riveiro Coello, Inma López Silva ou Samuel  Solleiro.

0.15130591392517