A vilalbesa Cecilia F. Santomé recibe o XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor

TerraChaXa | OurenseXa
A Deputación de Ourense e a Fundación Blanco-Amor fixeron entrega do galardón este venres nunha cerimonia celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel
cecilia-f-santome-premio-blanco-amor
6 Dec 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a entrega do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, o galardón máis antigo e prestixioso en lingua galega, organizado pola Fundación Blanco-Amor en colaboración coa Deputación de Ourense. A escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé foi a gañadora desta edición e recibiu unha peza escultórica de Acisclo Manzano, ademais do premio económico de 15.000 euros.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou a boa saúde do certame, reflectida no récord de participación con 75 obras presentadas este ano. Así mesmo, anunciou que “o apoio da institución provincial seguirá sendo firme á Fundación Blanco-Amor”, fundamental na preservación do legado dun ourensán que, afirmou Menor, “está máis vivo ca nunca, cunha herdanza cultural clave para as novas xeracións”.

Menor tamén resaltou “a elevada e sólida calidade” do premio, lembrando que tres gañadores anteriores —Alfredo Conde, Marilar Aleixandre e Xesús Fraga— foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa. Finalmente, felicitou a Cecilia F. Santomé e valorou a súa “ampla traxectoria literaria”, que agora suma un novo recoñecemento con este galardón.

Pola súa banda, a autora agradeceu a “xenerosidade” de quen consideraron a súa obra 'Boundaries Road' “unha novela digna da estirpe dun dos máis grandes autores que deu a nosa patria”. Sobre a novela, explicou que a súa intención foi “facer do recordo materia narrativa, amasar nomes, espazos, certas sensacións, algúns acontecementos e engadirlle lévedo literario ata velos medrar na artesa”.

O xurado destacou o estilo “moderno” da obra, que dialoga coa literatura contemporánea, así como a “creación dun universo narrativo con gran pegada poética” e personaxes “elaborados con moita coherencia”.

Durante o acto, o director da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luis González Tosar, aproveitou para poñer en valor un ensaio inédito do propio Blanco Amor titulado 'Castelao, escritor', escrito en 1950, ano da morte de Castelao. González Tosar sinalou o “valor engadido” desta obra publicada pola editorial Galaxia, que inclúe o discurso que Blanco Amor pronunciou o 8 de xaneiro de 1950 no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, para despedir os restos de Castelao.

Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Participou en proxectos de xornalismo colaborativo como 'Toonari Post' e '55 Pages', e é codirectora da revista en liña 'Coolt'. En 2017 recibiu o Premio Literario Nortear para mozos escritores de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato ‘34, Rue Saint Jacques’. En 2021 obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por ‘As orfas daquel verán’. É autora das novelas 'Quérote. Eu tampouco' (Xerais, 2019), 'Unha rapaza de provincias' (Xerais, 2021) e 'As despedidas' (Xerais, 2024).

⚙ Configurar cookies
0.07612419128418