“A votación reflectiu un gran desexo de cambio da directiva”
O meirego Pablo Rico Echegaray, aos seus 23 anos, vén de facerse coa presidencia da Federación Coral Galega, unha entidade que levaba décadas sen mudar a dirección e á que quere achegar moitos cambios.
Como foi proceso electoral?
As eleccións deste ano na Federación Coral Galega supuxeron unha enorme revolución. O anterior presidente estivera gobernando ininterrompidamente durante moito tempo e nunca houbo outro candidato que se presentase. Esta vez foi diferente, xa que decidín postularme debido a que consideraba que o financiamento, ambición e proxectos da anterior directiva eran insuficientes para as necesidades da federación. A semana de campaña foi intensa: chamei persoalmente a practicamente a todos os coros federados para expoñer as miñas ideas e escoitar os seus problemas. Atopeime cunha realidade preocupante: moitos coros enfrontan serios problemas para levar a cabo a súa actividade debido á falta de apoio económico, e a federación non estaba para axudalos.
Como decide presentar a candidatura?
Decidín presentar a miña candidatura co convencemento de que se podían facer as cousas de xeito distinto na federación. Vin que era necesario un cambio para revitalizar e apoiar verdadeiramente aos nosos coros. Afortunadamente, atopei no proceso electoral a moita xente que, sen coñecerme, brindoume enteiramente o seu apoio. Moitos presidentes das corais traballaron comigo para que se producise o cambio necesario incluído as persoas que conformaban a miña candidatura. Estoulles profundamente agradecido porque sen eles non sería posible. A miña mocidade (teño 23 anos) xogaba claramente en contra e aínda que dirixo seis coros e xestiono a Coral Polifónica de Meira, o compromiso e o traballo que me caracterizan eran descoñecidos por moitas corais.
Como foi o resultado?
O resultado foi moi alentador. A votación reflectiu por unha ampla maioría o desexo de cambio na federación e a necesidade de facer as cousas doutra forma. Este apoio maioritario mostra que a nosa comunidade está lista para unha nova etapa, máis dinámica e ambiciosa. Estou agradecido pola oportunidade de liderar este proceso e comprometido a traballar arduamente para apoiar a todos os coros, especialmente aqueles que enfrontan dificultades.
Como foi esta primeira toma de contacto?
Asumimos o cargo hai apenas dous meses e cómpre sinalar que realizamos o noso labor de maneira totalmente altruísta. Un dos nosos primeiros pasos foi realizar unha auditoría exhaustiva para revisar e organizar toda a documentación e os orzamentos entregados pola anterior directiva. Esta medida foi crucial para establecer unha base sólida e transparente desde a cal operar. Ademais, recoñecemos a importancia de ter unha forte presenza nas redes sociais na actualidade. Por iso, creamos contas de Facebook e Instagram para a Federación Coral Galega, facilitando así a comunicación e promoción das nosas actividades entre os nosos membros e a comunidade en xeral. Tamén establecemos unha comunidade en WhatsApp con todos os coros e directores, o que nos permitiu mellorar a comunicación interna e actualizar o contacto das corais. Recentemente, presentamos o proxecto A Coral do Futuro ao Conselleiro de Cultura José López Campos nunha reunión moi positiva xunto co seu equipo na sede da Xunta en Lugo. Estamos moi satisfeitos de recibir o seu compromiso de aumentar significativamente o apoio económico por parte da Xunta de Galicia e o interese que amosou polas actividades que proxectamos para federación.
Cales son os obxectivos e proxectos?
Para este ano estamos coa organización da Romaría Coral Galega, un evento que reúne a numerosos coros de toda Galicia e que este ano se levará a cabo nun auditorio para ampliar o seu impacto e participación. Tamén a realización dun curso de dirección coral con Maddalen Dorronsoro, recoñecida profesional no ámbito coral e o establecemento do Coro da Federación, ademais da celebración dun festival de coros infantís e xuvenís para promover a participación e o talento entre os mozos. Para o remate do ano crearemos a revista federación, destinada a difundir e compartir as actividades e logros da nosa federación coa comunidade coral. Para o próximo ano crearemos un Certame de Canto Coral, que constará de fases previas a nivel provincial e unha fase final destacada. Este evento será unha plataforma para promocionar o talento coral galego. Asociado ao certame de canto coral, realizaremos un certame de composición para coro. As obras gañadoras deste certame serán as pezas obrigadas que se interpretarán durante o certame de canto coral. Centrarémonos tamén na dixitalización completa da nosa páxina web. Isto incluirá unha renovación integral para mellorar a accesibilidade, a interacción e a difusión de información sobre as nosas actividades e recursos. E por suposto o fomento da música coral entre a xente nova, cun Certame Coral Infantil e Xuvenil no que poidan participar colexios e institutos.
Canto tempo leva vostede no mundo da Coral?
Comecei a participar activamente aos 16 anos, dirixindo o coro parroquial de Meira e antes xa cantaba coro do conservatorio de Lugo. Logo, coa creación da Coral Polifónica de Meira, a miña implicación no ámbito coral intensificouse e comecei a dirixir máis corais. Na actualidade, teño o privilexio de dirixir seis corais distintas: a Coral Polifónica de Meira, a Coral Polifónica de Abadín, a Coral Ecos do Ulla de Monterroso, o Orfeón Xoán Montes de Lugo, a Coral Ecos do Miño Astelu e a Coral de Maiores de Telefónica de A Coruña. Ademais, estudo no Conservatorio Superior de Música da Coruña a carreira de Dirección de coro, banda e orquestra.
Que supón para Meira este nomeamento?
O nomeamento como presidente da Federación Coral Galega representa unha gran honra para a Coral de Meira. Como director e secretario da coral, son o representante da coral nos órganos de goberno da federación, polo que a Coral de Meira agora mesmo ostenta a presidencia da federación o cal é unha gran responsabilidade. Este nomeamento tamén é motivo de orgullo para o concello de Meira e para a provincia de Lugo en xeral, pois destaca o noso papel na promoción da cultura musical e na representación da nosa provincia a nivel galego.