A voz dos alcaldes: “A política local é absorbente e require dedicación constante”

LugoXa | TerraChaXa
Remedios González, alcaldesa de Rábade, accedeu á Alcaldía, seguindo os pasos do seu pai, tralos últimos comicios ao gañar un quinto concelleiro, que arrebatou a maioría aos Independentes, que levaban no poder desde 1999
alcaldesa-de-rabade-remedios-gonzalez
25 Jan 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Comecei tarde, pero sempre sentín interese pola vida pública e pola mellora do meu pobo. Iniciei o meu camiño na política no ano 2011 e, pouco a pouco, fun implicándome máis. Vinculeime ao Partido Popular porque comparto os seus valores, a súa proximidade á veciñanza e a defensa do municipalismo. Entendo que dende a política local pódense cambiar moitas cousas que afectan directamente ao día a día das persoas.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Foi un proceso natural. Tras varios anos implicada na política local, pedíronme ir como cabeza de lista e ser a candidata á Alcaldía. Sentín que podía achegar unha visión de traballo serio, próximo e con ilusión renovada. O apoio da veciñanza e do equipo foi clave para dar ese paso. Non foi unha decisión individual, senón froito do compromiso colectivo por mellorar o noso concello. Ese ano gañamos as eleccións e tamén no 2019, faltando poucos votos para a maioría. Nas eleccións do ano 2023 acadamos a maioría absoluta.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

O tempo é o sacrificio máis grande. Roubando horas á familia, aos amigos e incluso ao descanso. A política local é moi absorbente e require dedicación constante. Ás veces tamén supón expoñerse á crítica, mesmo cando as decisións se toman con boa intención e responsabilidade.

E beneficios?

O maior beneficio é poder contribuír a mellorar a vida dos veciños/as. Ver como saen adiante proxectos necesarios, recibir o agradecemento directo dun veciño ou ver melloras reais no municipio dá unha gran satisfacción persoal. Ademais, é unha experiencia de aprendizaxe constante e moi enriquecedora.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Non é fácil. Require organización, apoio da familia e saber desconectar cando se pode. Intento reservar momentos para os meus, poñer límites cando é necesario e lembrar que detrás do cargo tamén hai unha persoa. Sen equilibrio, é difícil manter a paixón polo que se fai.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Seguir mellorando o municipio, impulsar servizos públicos de calidade e apostar por un modelo de concello sostible, inclusivo e con oportunidades para todos. Tamén quero fomentar a participación veciñal e a transparencia como piar básico da xestión.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Queremos avanzar en infraestruturas, modernizar servizos, mellorar o acceso á vivenda, apoiar ao comercio local e consolidar proxectos estratéxicos para o desenvolvemento económico e social do municipio. Apostaremos tamén pola transición verde e dixital.

Cales son as principais liñas do seu programa?

As liñas principais céntranse en servizos sociais, vivenda, urbanismo sostible, apoio á mocidade, mellora das infraestruturas e fomento da cultura e do deporte. Todo cun enfoque participativo e cunha xestión responsable dos recursos públicos.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Depende das zonas, pero en xeral necesitamos mellorar infraestruturas, comunicacións, reforzar servizos, garantir acceso á vivenda e ofrecer máis alternativas para mocidade e maiores. Tamén é clave avanzar na dixitalización e no apoio ao tecido produtivo. Para iso, é imprescindible a ampliación do Polígono industrial cunha cuarta fase e un novo acceso.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Dos que tiveron un impacto real na vida da xente: servizos sociais cunha mellora substancial para a conciliación familiar, accesibilidade en edificios municipais, recuperación de espazos públicos, eficiencia enerxética en espazos deportivos, ... Son proxectos feitos coa xente e para a xente, e iso é o que máis orgullo dá.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Alguén próximo, traballador, honesto e que sempre está dispoñible para escoitar. Gustaríame que visen a alguén comprometido co seu pobo e con ganas de mellorar cada día, sempre con humildade e sentido común.

Como é a súa relación coa oposición?

Procuro manter unha relación respectuosa e de diálogo. Aínda que parte da oposición decepcionoume moito pola súa actitude de non participar en ningunha actividade organizada polo Concello. As diferenzas son lóxicas, pero creo que a política local debe centrarse no que une: o benestar da veciñanza. Sempre estou disposta a escoitar propostas construtivas, veñan de onde veñan.


EN CLAVE PERSOAL

Idade, estado civil e familiar
Teño 63 anos e dous fillos
Profesión e formación
Agora mesmo estou xubilada pero dediquei a miña vida ao Ensino
Se puidera escoller, que lle gustaría ser?
Gustaríame facer Belas Artes (pintura, escultura, etc.)
Que quería ser de maior?
O que fun, mestra
Que fai para desconectar?
Viaxar (aínda que teño pouco tempo), ler, música, o cine, debuxar, ...
Unha virtude e un defecto
Son unha persoa tolerante e o maior defecto a impuntualidade (aínda que agora estou mellorando)
Un consello para compartir
Non son moi de consellos, pero miña avoa sempre dicía “Quien mucho habla, mucho yerra”, hai que ser moderados e prudentes
Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Teño un amplo abano. É difícil elixir un. Libro: A nena do abrigo de astracán de Xabier P. Docampo (pola parte que lle toca a Rábade). Película: Matria. Series: Rapa (tamén con acento Rabadense) Música: Escoito música moi diferente segundo o estado de ánimo: María Callas, Bruce Springsteen, De Ninghures, ...
Unha afección
A xardinería e a bricolaxe
Un lugar que visitar
Aquí a Ribeira Sacra e no estranxeiro, Irlanda
Unha comida e unha bebida
Ovos con patacas e chourizo frito e para beber un tinto da Ribeira Sacra
Unha personaxe admirada
Non son moi mitómana, pero si admiro a actitude ante a vida de xente como a miña nai
Unha posesión apreciada
Son unha persoa desinteresada e pouco materialista
Un desexo
Que Rábade sexa nun pobo bonito e agradable para estar e vivir
Algo para esquecer
A vida hai que vivila con unha actitude positiva e as situacións negativas serven para crecer
Que é o que máis valora nunha persoa?
A integridade
Un desafío pendente.
Que o meu pobo mellore en servizos para aumentar poboación
Onde se ve en cinco anos?
Son de vivir o presente. Paso a paso

⚙ Configurar cookies
0.076769828796387