A voz dos alcaldes: “A política non supón ningún sacrificio se a familia te apoia”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.
No ano 2003 contactaron comigo para formar unha candidatura, xa que dende 1999 non se presentara ningunha. Falaron comigo e con José Luis Tellado para tentar buscar persoas dispostas a integrarse na lista, pero non foi doado atopar candidatos. Naquel momento, Lago Lage era o secretario de organización do partido e foi quen me dixo claramente: “Tes que presentarte ti”. Finalmente, en compañía de José Luis Tellado, decidimos dar o paso. Falei con varios gandeiros e acabamos presentándonos ás eleccións de 2003. Daquela o concello contaba con arredor de 2.000 habitantes e 11 concelleiros. Obtivemos dous, mentres que o PP logrou oito e o BNG tres. Conseguimos uns 400 votos e permanecemos na oposición ata 2007.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
Nesas eleccións, coincidindo co bipartito na Xunta de Galicia, superamos ao BNG e acadamos tres concelleiros fronte aos cinco do PP. En total había nove concelleiros e logramos desbancar ao PP do goberno. Aínda que non se chegou a un acordo formal, recibín o apoio necesario para ser alcalde. Os demais grupos decidiron non entrar no, polo que asumín a Alcaldía en minoría, sacando adiante os proxectos pouco a pouco. Nas seguintes eleccións volvín presentarme e xa acadamos a maioría absoluta, que se mantivo ata o día de hoxe. Sempre fun simpatizante do PSOE e levo arredor de vinte anos á fronte do Concello.
A nivel persoal, que sacrificios supón ser alcalde?
Nunca considerei a política un sacrificio, especialmente cando a familia te apoia. Deixei o traballo como gandeiro para dedicarme á política, e a miña muller entendeu perfectamente a decisión. É certo que se sacrifica tempo de vida persoal, pero ela aceptouno con naturalidade. Levamos 48 anos casados, e iso só é posible cando hai comprensión e equilibrio; ela sempre foi unha muller de paz.
E beneficios?
Podo dicir con tranquilidade que nunca obtiven un beneficio económico persoal da política. Houbo etapas nas que tiven un salario, sempre modesto, e actualmente cobro a miña pensión, percibindo unicamente dietas por representación.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Dedico practicamente as 24 horas do día ao Concello, pero cando ves que as cousas saen adiante, as satisfaccións compensan. Un exemplo foi a mellora da estrada de Meira a Baralla, cun quilómetro de beirarrúas, ou o primeiro gran enfrontamento co BNG, que acabou coa creación dun paseo extraordinario.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Nunca tiven como obxectivo ser parlamentario. Sempre quixen facer cousas polo meu concello. Seguro que cometín erros, pero sempre traballei coa intención de mellorar a calidade de vida da veciñanza, algo que sigo facendo con ilusión.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Moita xente pensa que a área deportiva se fixo só para practicar deporte, pero a miña visión ía máis alá. Pretendía crear expectativas, complementar a actividade deportiva e incluso atraer unha empresa privada que xestionase servizos como aloxamentos. Falamos de fixar poboación: crear 60 camas para deportistas, organizar campamentos de verán e atraer xente doutras zonas. Temos todo para conseguilo e seguiremos loitando para que este proxecto medre, porque é clave para o futuro do concello. Outro dos grandes retos foi levar a auga a todas as parroquias. Actualmente só queda unha sen abastecemento; con máis de 130 quilómetros de tubaxe, dos que arredor do 90 % foron executados polo propio Concello. Aínda quedan necesidades importantes por cubrir. No ano 2024 logramos aumentar a poboación en catro habitantes. O importante non é tanto crecer como evitar seguir baixando. Iso é froito de varios factores, sobre todo dos servizos que se prestan, que son de calidade e supoñen un esforzo económico importante para o Concello.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Apostamos claramente polos servizos públicos. Construímos o tanatorio municipal con prezos económicos e o Servizo de Axuda no Fogar está ao máximo, pero a achega da Xunta é insuficiente e o Concello ten que aportar uns 86.000 euros anuais. A residencia é un orgullo para o municipio, cun custo de 108.000 euros ao ano ata 2029 e outros 70.000 euros polos servizos complementarios. Contamos con camas articuladas, cadeiras e grúas, porque o financiamento autonómico non chega para cubrir todas as necesidades. Tamén fomos pioneiros en Galicia coa posta en marcha dun supermercado municipal, que causou unha gran expectación e responde a unha necesidade real. Temos máis de 8.000 metros cadrados para planificar vivenda e novos servizos, e a Deputación sempre estivo ao lado do Concello.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
De cara a 2026, unha das prioridades será investir uns 200.000 euros na mellora das pistas e camiños. Non será suficiente para deixalos ao cento por cento, pero permitirán arranxar as fochancas máis urxentes. Tamén é prioritaria a ampliación da rede de auga nunha parroquia, aínda pendente da autorización de Augas de Galicia.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
O máis importante para min é traballar, facer cousas e estar preto da xente. No día a día, a veciñanza chama e tratamos de resolver os problemas. Para iso estamos no Concello.
Como é a súa relación coa oposición?
Á oposición só lle reprocho as mentiras e as medias verdades que se utilizan para facer ruído e confundir á cidadanía. Hai cousas criticables, como o estado dalgúns camiños, pero moitas veces dependen dos recursos dispoñibles.
EN CLAVE PERSOAL
• Idade, estado civil e familiar
Teño 73 anos, estou casado, teño 3 fillos e 5 netos
• Profesión e formación
Gandeiro e agricultor e desde 2003, político
• Se puidera escoller, que lle gustaría ser?
Sempre se me deu ben o tema da venda. Pero daquela acabei a escola e había que traballar
• Que quería ser de maior?
Veterinario
• Que fai para desconectar?
É imposible desconectar. Pero cando podo poño a televisión e miro os deportes ou saír cos amigos
• Unha virtude e un defecto
Traballo para os demais pero cando non saen ben as cousas, enfádome
• Un consello para compartir
Ser humildes
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
De todo un pouco pero, se teño que escoller, quédome cos locais, Leña Verde
• Unha afección
O fútbol, en especial ver xogar aos biberóns, e a caza
• Un lugar que visitar
En Pol, algunhas corredoiras e capelas e ver a fonte onde nace a auga que bebemos os polenses, nítida como ningunha
• Unha comida e unha bebida
Uns bos callos ou cocido e carne á brasa. Para comer un bo viño, senón auga
• Unha personaxe admirada
A miña muller, Cruz Carballeira, da que hai moitas virtudes que destacar, é atenta, afable, una muller de lectura
• Unha posesión apreciada
A área deportiva, que a coiden, que é un ben que está aí e que pode quedar para varias xeracións
• Un desexo
Ter saúde
• Algo para esquecer
Algúns problemas que vivín na política, cousas internas do partido
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A sinceridade
• Un desafío pendente.
Conseguir uns obxectivos en Pol, especialmente mellorar a parte económica
• Onde se ve en cinco anos?
Gobernando Pol, se hai saúde