A voz dos alcaldes: “Rodeeime dun gran equipo que me axuda día a día a que todo sexa máis fácil”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.
Inicieime no ano 2007, aínda que a inquedanza por participar na vida política xa me viña de atrás, porque sendo neto dun republicano e fillo dun socialista, a miña forma de crer na igualdade entre os veciños e de mellorar a calidade de vida da xente, viña marcada dende facía tempo. En varias ocasións, xa me pediran dende o partido que fose cabeza de lista e aínda que nesas ocasións declinara, nesa ocasión animeime. Tras presentarme dúas veces, sacando catro concelleiros en cada convocatoria, colaborei activamente con todo o que puiden cos veciños dende a oposición, e á terceira foi a vencida. Non acadamos maioría absoluta pero si fomos a candidatura máis votada, o que nos permitiu gobernar. Nas dúas lexislaturas seguintes, os veciños confiaron en nós e apoiáronnos masivamente, outorgándonos maioría absoluta.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
Despois de tantos anos dedicado á vida pública na Administración, a política intrigábame e sentíame con experiencia para traballar polos veciños. Iso, xunto ás insistencias que recibía para ser candidato polo PSdeG en Xermade e ó feito de que a esquerda nunca gobernara no concello, fixo que aceptara o reto para correxir inxustizas e mellorar o benestar dos veciños. Outro elemento clave foi a miña forma de crer e participar no asociacionismo local. Rodeeime dun gran equipo que me axuda cada día a que todo sexa máis fácil.
A nivel persoal, que sacrificios supón ser alcalde?
Cando é vocacional, a dedicación non supón sacrificio. No meu caso teño o meu número de teléfono na porta do Concello e está dispoñible 24 horas para solventar calquera inquedanza, necesidade ou emerxencia dos veciños. O mesmo lle ocorre ao equipo de goberno. Como beneficios, a satisfacción polas obras realizadas, que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños e a gratitude da xente, que sabe que non lles fallamos e traballamos para todos.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Cando es alcalde, case non dispós de vida privada, xa que dedicas a maioría do tempo a atender o concello.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Construír un Centro de Día e inaugurar o Museo da Tornería son os piares fundamentais.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Mellorar as traídas de auga, saneamento, locais sociais e rematar o PXOM.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Os principais problemas de Xermade son o envellecemento da poboación e a dificultade de fixar poboación moza. En base a iso móvense as principais liñas de actuación: Garantir uns servicios sociais de calidade, na atención aos nosos maiores. Seguir potenciando as actividades culturais no noso Concello. Crear máis solo industrial para xerar emprego. Promover a agrupación de leiras para poder explotar mellor o solo para granxas e para produción forestal. Seguir apoiando o patrimonio natural de Xermade, a través de rutas de sendeirismo e dos camiños reais Mondoñedo-Ferrol, Viveiro-Vilalba e Vilalba-Betanzos, que discorren polo noso Concello de norte a sur.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Ademais das anteriores, a mellora da estrada autonómica LU-170 de Xermade-Momán, a captación de novos manantiais para a mellora da rede de traidas municipais e poder garantizar o acceso a auga potable a largo prazo e a realización de concentracións parcelarias.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Do Museo da Tornería e local comunitario. Cumprido o 25 aniversario, era unha demanda dos torneiros para cumprimentar o Encontro durante todo o ano con demostracións e exposicións permanentes de pezas. No eido cultural, estamos moi contentos de ter un tecido asociativo forte, que se exemplifica en asociacións veciñais como a de Cabreiros, con fortes apostas como as Xornadas Interxeracionais, o Premio Xermade na Historia ou a Invernada de Cine. Tamén que a UNED Sénior faga cursos e actividades en Xermade. No relativo a infraestruturas, do arranxo de numerosas vías municipais. Ademais, aínda que non é un proxecto do Concello, estamos moi orgullosos da colaboración público-privada que permite que Xermade teña un referente nas enerxías renovables como é Sotavento.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Unha persoa amiga, próxima e entregada con todos.
Como é a súa relación coa oposición?
Boa. Debatemos, escoitamos as súas demandas e chegamos a acordos na medida do posible, o que permite unha cordialidade exemplar no funcionamento municipal.
EN CLAVE PERSOAL
• Idade, estado civil e familiar
60 anos, divorciado con dous fillos
• Profesión e formación
Axente Ambiental. Ciclo Superior Forestal
• Se puidera escoller, que lle gustaría ser?
Biólogo
• Que quería ser de maior?
Sempre tiven claro que quería traballar en algo relacionado coa natureza
• Que fai para desconectar?
Nunca desconecto de todo, pero intento pasar tempo con amigos e familia
• Unha virtude e un defecto
A empatía. Non dar feito todo o que me piden os veciños
• Un consello para compartir
É fundamental buscar a armonía entre a veciñanza
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Xermade na Historia, Grease e Joaquín Sabina
• Unha afección
Pasear pola natureza
• Un lugar que visitar
O mirador de Gohía
• Unha comida e unha bebida
Un bo cocido e un viño autóctono
• Unha personaxe admirada
Ramón Villares
• Unha posesión apreciada
O meu fogar
• Un desexo
A paz mundial
• Algo para esquecer
A pandemia
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A bondade
• Un desafío pendente.
Visitar á familia en Miami
• Onde se ve en cinco anos?
Como alcalde de Xermade