A Xanela celebrará nas Pontes o día 28 a súa carreira e andaina solidarias

TerraChaXa
Esta iniciativa ten como obxectivo mostrar, a través do deporte e dos seus valores, a importancia do coidado das persoas con diversidade funcional e das persoas maiores
carreira-solidaria-as-pontes-contigo
2 Sep 2025

A Xanela convoca a terceira carreira-andaina solidaria As Pontes Contigo, que se celebrará o domingo 28 de setembro.

Esta iniciativa ten como obxectivo mostrar, a través do deporte e dos seus valores, a importancia do coidado das persoas con diversidade funcional e das persoas maiores en soidade non desexada así como recadar fondos para o seu proxecto As Pontes Contigo.

A III Carreira - Andaina Solidaria As Pontes Contigo desenvolverase nun circuíto urbano, con saída e meta na Rúa 8 de marzo. A carreira contará con 5 quilómetros e a andaina será de 3,5.

O prezo de inscrición é de 8 euros para a carreira e de 5 euros para a andaina. A carreira será de balde para a categoría biberón e de 3 euros para o resto de grupos da categoría escolar, no caso da andaina será gratuíta para as crianzas de menos de 5 anos cumpridos o día do evento.

O prazo para inscribirse estará operativo ata o mércores 24 de setembro de 2025 ás 23:59 horas. A inscrición está a cargo da empresa Cronotec e realizarase a través da seguinte páxina web: https://cronotec.es.

Para a modalidade de andaina a inscrición poderá ser levada a cabo a través da mesma web coa mesma data, ou de maneira presencial na sede da asociación A Xanela (Rúa A Xanela s/n, As Pontes, A Coruña) ata o venres 26 de setembro de 2025. Tamén será posible anotarse o domingo 28 na Rúa 8 de Marzo, ata 15 min. antes do inicio da proba.
As persoas que participen na categoría inclusiva deberán comunicar directamente coa asociación A Xanela a súa intención de participar nesta modalidade e indicar expresamente se desexan optar ao premio correspondente.

Dado o carácter solidario da presente carreira - andaina, establecese a posibilidade de participar a través da “fila cero” para todas aquelas persoas que, sen participar na carreira nin na andaina, queiran facer unha contribución económica ao proxecto “As Pontes Contigo”, que ten por obxectivo fortalecer as capacidades da comunidade para o coidado colectivo das persoas que requiren de coidados paliativos, que sofren soidade ou requiren dalgunha atención especial (pensando sobre todo en persoas maiores e persoas con diversidade funcional) e das súas familias, persoas coidadoras, profesionais do entorno comunitario e comunidade educativa.

⚙ Configurar cookies
0.16740584373474