A Xanela organiza un Encontro de Bolillos nas Pontes en xuño

A asociación A Xanela organiza o seu I Encontro de Bolillos, unha xornada que busca recuperar e poñer en valor esta arte tradicional ao tempo que promove a inclusión e a diversidade. O evento celebrarase o venres 14 de xuño no Pavillón Deportivo Municipal das Pontes, e reunirá a persoas de diferentes idades e capacidades arredor dun obxectivo común: compartir, aprender e visibilizar que todas as persoas poden facer encaixe de bolillos.
Este encontro nace co espírito de manter viva unha tradición cultural ao tempo que se derruban estereotipos sobre quen pode ou non participar deste tipo de actividades manuais. "Dende A Xanela apostamos por un espazo no que a diversidade funcional, a interxeneracionalidade e a igualdade se entrelacen, literalmente, fío a fío", di a organización.
Durante a xornada haberá exhibicións, obradoiros participativos e espazos de encontro entre persoas bolilleiras da contorna e participantes dos programas da asociación. O obxectivo é visibilizar as capacidades de todas as persoas, fomentar a creatividade e construír comunidade a través da arte do encaixe.
“Queremos que este encontro sirva para demostrar que as tradicións tamén poden ser espazos de innovación social e de inclusión. Non hai límites cando se trata de crear con corazón e con apoio mutuo”, sinalan desde o equipo da Xanela.
O evento está aberto ao público e está especialmente recomendado para persoas interesadas no artesanato, na inclusión social e na transmisión interxeracional da cultura.