A xente miúda quentará motores nas Pontes desde o día 14

Como non podía ser doutra maneira, a biblioteca local volve coa súa iniciativa Parque activo, a cal se dirixe a ofrecer actividades lúdicas e educativas para promover hábitos saudables entre os máis pequenos da localidade. Este ano, adianta a súa programación ao 14 de xullo e nos xardíns do Campo da Feira ofrecerá xogos, espectáculos e música en horarios de mañá e tarde, cun programa que inclúe propostas como Circo na casa, de MeRe Clown; Son Animal, de Paco Nogueiras, ou os contacontos de Brais das Hortas.
A sesión, dará comezo o luns ás 18.15 horas con música no parque e o Circo na casa de MeRe Clown, espectáculo dan man de David Merelas, o fundador e director de Moc Moc Espectáculos e Animación, que busca concienciar sobre a importancia de colaborar nas tarefas domésticas.
Para este pallaso os roles entre homes e mulleres non están marcados. As tarefas domésticas din que hai que repartilas e non son aburridas en absoluto, pero… son tan doadas como parecen?
Ao día seguinte pola tarde, ás 19.00 horas, é a quenda de Son Animal, de Paco Nogueiras, unha actividade musical dedicada aos animais máis próximos e aos seus sons convertidos en diversas cancións, que van por todo o mundo a través de diferentes estilos musicais: dende un aire portugués aos ritmos do leste de Europa, dende unha balada acústica a un animado rock&roll, dende unha fanfarria circense ate unha melodía de influenzas andinas.
O mércores 16, haberá unha dobre sesión, a primeira ás 18. 15 horas con música para bebés e, logo, ás 19.00 horas, tócalle a Brais das Hortas e os seus Contos para caghar patatillas, unha actividade que desfrutarán de cheo os rapaces.
“Quen ten cu, ten medo. Iso non é malo: é normal. Valente non é quen non ten medo, senón quen é capaz de enfrontar o seu propio medo”. Diso falan estes contos, cheos de música, de humor, de efectos especiais, de participación do público, baile, construción de instrumentos de refugallo e moito máis.
Historias que falan de pedras que se converten en xigantes, un romance galego que canta a aposta de dous amigos nun cemiterio, un león e unha elefanta no medio da noite na sabana africana, unha nena que escoita por vez primeira a tormenta… Historias que saen dunha vella maleta escondida no faiado nunha noite de inverno.
O xoves 17, á mesma hora e como punto final de Parque activo, farán unha parada co seu carromato co que levan percorrendo camiños máis de dez anos, Os Monifates, ou Alberto Millán Betanzos e Xosé Piñeiro Pérez, un dúo cunha ampla experiencia musical e de lutería que desde 2015 levan repartindo alegría e facendo bailes ás súas marionetas ao mesmo tempo que interpretan música en directo.
A maiores, o luns 21 e o martes 22 ás 16.30 horas, na avenida da Coruña, terá lugar a festa da escuma, que será un éxito seguro entre os máis pequenos, que poderán desfrutar de inchables e diversos xogos para pasar unha tarde do máis entretida.

Anabel Alonso, Bibliotecaria: “O que máis gusta é a música infantil, a maxia e os contacontos”
Amplían programación con respecto ao pasado? Que novidades hai?
Cambiamos as datas do Parque Activo, este ano estaremos xusto antes de darlle a saída ás Festas do Carme e recuperamos a situación orixinal no parque municipal.
Como se acolle a iniciativa?
O resultado é moi positivo. Dáse a coñecer a Biblioteca e os seus servizos entre a veciñanza. As actividades dirixidas a público infantil teñen moi boa acollida todo o ano. O Parque Activo é unha prolongación cara o verán das nosas actividades de animación á lectura anuais.
Cal é o obxectivo final destas actividades?
Naturalmente o obxectivo é achegar aos nenos e ás nenas ao mundo da lectura. Pero tamén ofrecer un espazo lúdico durante estes días de verán dirixido especialmente ao público infantil. Tamén pretendemos facer presente a Biblioteca entre a veciñanza.
Ademais destas actividades faise un intenso labor todo o ano.
Durante todo o ano temos unha serie de actividades fixas: o Xoves na Biblio, que consiste en actividades de animación á lectura para público infantil (contacontos, teatro, música...); Relendo a vida, un club de lectura dirixido a maiores de 55 anos que facemos en colaboración co CIM das Pontes; dous Clubs de lectura, un deles específico de novela negra; un cinefórum no que este ano programamos unha serie de películas asiáticas ou un programa de radio semanal en Radio Eume onde recomendamos libros e falamos da actividade da biblioteca. Tamén celebramos, por suposto, o Día do Libro, o Día de Rosalía, as Letras Galegas, o Día das Bibliotecas, etc.
Que é o que máis gusta de toda a programación que presentan? Teatro, contacontos ou outros?
O que máis gusta normalmente é a música infantil, tamén a maxia e os contacontos. Nas actividades do parque tamén a cativada espera ansiosa un sorteo que facemos entre todos os participantes cada día dun agasallo sorpresa.
A que idade comeza a xente miúda a achegarse á biblioteca?
Temos socios que aínda non chegan ao ano e que xa levan libros da nosa sección de Bebeteca. Ese público prelector é moi usuario dos servizos da Biblioteca. De feito no noso Xoves na Biblio de cando en vez facemos actividades dirixidas a bebés. Hai público de todas as idades.
Que proxectos de futuro ten a biblioteca?
O curso que vén pretendemos retomar as actividades de sempre e temos previsto algunhas novas. Gustaríanos que a Biblioteca tivese máis presenza na comunidade e ter programas dirixidos a todo tipo de públicos. Tamén queremos reforzar as nosas redes sociais e sacar máis os programas da biblioteca ao exterior, á rúa e a outros locais culturais e de ocio.
Contan con apoio municipal para a súa programación?
A nosa Biblioteca é municipal, todo o traballo que se fai está financiado e apoiado desde a Concellería de Cultura. Deseñamos toda a nosa programación coa concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro e as nosas compañeiras do Departamento de Cultura. Tamén colaboramos con outras institucións municipais como o CIM, o Conservatorio ou a Radio e a Televisión local.