A xestión da auga e a mobilidade centraron o pleno de xaneiro en Vilalba

TerraChaXa
Vilalba pechou un pleno de máis de catro horas de duración no que os principais temas a tratar foron a auga e a mobilidade.
pleno dixital vilalba
28 Xan 2022

Vilalba pechou na xornada de onte un pleno de máis de catro horas de duración no que ademáis dos temas recollidos polo Goberno e a oposición en forma de mocións, presentáronse ata un total de 16 rogos e preguntas.

No apartado de asuntos presentados polo Goberno, o tema da xestión da auga levouse unha parte importante do debate. O Pleno aprobou a prórroga, por terceira vez, do contrato sobre esta materia a Espina e Delfín cun canon de 913.000 euros, partida que irá para actuacións e obras na rede de abastecemento.

Deste modo o contrato terá vixencia ata 2027, pechando 30 anos se servizo.

Tamén voutouse por unanimidade a aprobación do convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño para distintas actuacións no ciclo da auga e que inclúen a construción dun tanque de tormentas e outras actuacións de mellora do pretratamento na propia EDAR. O investimento necesario para as actuacións estímase en 3.250.000 euros.

Malia votar a favor, a voceira popular, Sandra Vázquez, engadiu que a construción dun pozo de tormentas fora unha proposta do anterior goberno que os socialistas non aceptaron naquel momento. Vilalba Aberta aportou tamén ao debate que o goberno popular da Xunta tiña o compromiso de facer un pozo de tormentas dende hai dez anos do que non se soubo máis.

Os outros dous puntos viron a luz verde, como foi a aprobación inicial do inventario de camiños (o PP abstívose)  e a modificación do cadro de persoal para incluír unha segunda actividade de policía local.

MOCIÓNS

O Partido Popular levaba varias mocións a este pleno. A relativa a crear un plan de axudas para mellorar as instalacións deportivas rurais saíu adiante polo apoio de Vilalba Aberta.

O resto, estaban relacionadas co novo plan de mobilidade e a nova zona azul, sobre a que informaron dende o Concello que hai en marcha un plan de sinalización da rede viaria e que a zona azul comezará a funcionar unha vez finalizados os prazos administrativos. Tampouco precisou moito máis o concelleiro que emplazou todas as preguntas ao futuro documento de mobilidade, que recollerá todas as accións previstas. Esta mesma resposta foi a que recibiu a iniciativa de Vilalba Aberta de peonalizar a praza de Santa María.

Este grupo tamén logrou que fose aprobada, co apoio do PSOE, a súa proposta de reclamar á Xunta melloras no centro de saúde. Non foi aceptada a que pedía a compensación municipal aos afectados polos problemas na traída de augas.

Nas preguntas tratáronse temas que xa veñen de vello, como as relativas á ampliación do polígono, o estado da RPT e o PXOM.

Tamén se pediu o arranxo das zonas de aparcamento público nas zonas rurais, a actuación da páxina web do Concello, a solicitude de subvencións a outras administacións e a zona de acceso ao auditorio para carga e descarga e de aparcamento na rúa das Pedreiras, por parte do Partido Popular.

Vilalba Aberta fixo referencia ás protestas dos veciños da Avnida Terra Chá Primeira e dos de Pígara en Goiriz.

0.18172287940979