A XIII edición do Festival da Chaira será o 21 de xullo

TerraChaXa
A XIII edición do Festival da Chaira organizado pola Asociación A Chaínza será o 21 de xullo en Baltar, A Pastoriza.
chaira_comision
20 Xul 2018

A XIII edición do Festival da Chaira organizado pola Asociación A Chaínza será o 21 de xullo en Baltar, A Pastoriza. Todas as actividades programadas realízanse na contorna da área recreativa da praia fluvial da Riboira. Este festival tenta promover a defensa, protección e divulgación do patrimonio cultural galego.

A asociación cultural A Chaínza leva doce anos encargándose de definir o programa do Festival dá Chaira, que ano a ano foi medrando.

Este ano, o programa dará comezo coa Ruta A Espiga, un percorrido de 6 quilómetros polos arredores do festival, que arrincará ás 11 da mañá e no que visitarán lugares emblemáticos como o Castro de Saa, Baltar, a praia, os muíños de Anllo, etc.

Sobre as 13:30 comezarán os concertos  cun grupo tradicional da Pastoriza, para despois dar paso aos Feroces da Galgueira. Xa pola tarde será o IX Aberto da Billarda e outros xogos tradicionais e tamén haberá actividades para os máis pequenos con Peter Punk. Xa pola noite, a partir das 22:00, os Milesios, GHZ, Folkólicos, Falperrys, Os Vacalouras e Brigada AM amenizarán a festa, que está previsto que se alongue ata as cinco da madrugada.

A #chaira18 , coma todos os anos, conta con concertos e actividades de balde para todos os públicos. Ademais conta cun amplo espazo de acceso libre para acampar baixo a sombra dos carballos.

David Saavedra, un dos organizadores deste evento, destaca o progresivo crecemento deste festival, xa que cada ano vanse sumando novas actividades para un festival que deu comezo con só actuacións musicais pola noite. "Este é un ano máis completo porque abarcamos máis horas, pode que non sexa o ano no que haxa máis grupos, pero si conseguimos programar actividades para todos os público", di.

O Concello e a Deputación son os grandes patrocinadores deste evento que ten como obxectivo "ofrecer unha actividade así para a xente da zona, non ter a outros sitios, e sobre todo ofrecer un programa no que podan participar todos os membros da familia", explica David. Para financiarse a asociación elabora todos os anos unhas camisolas conmemorativas que venden no lugar de celebración para poder sufragar algúns dos gastos.

Tras un progresivo crecemento, agora esperan ás opinións dos asistentes á hora de seguir crecendo. Para os organizadores o importante é "que se trata dunha actividade con entrada de balde e un bar con prezos populares".

Este ano espéranse un total de mil persoas ao longo do día, xa que a xente vai indo e vindo dependendo da actividade na que desexe participar.

34367925_1801743229864934_4848032326354993152_n
0.21117997169495