A XIII Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto reuniu a 28 ferreiros e máis dun milleiro de visitantes
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou na XIII Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto, que reuniu a 28 ferreiros de toda a provincia, Galicia e Navarra. A cita, que conta co apoio do Executivo Provincial, tivo lugar no recinto feiral da vila e congregou a máis dun milleiro de persoas no municipio.
Durante a xornada púidose desfrutar dunha exposición de artesáns e produtos do campo, actuacións musicais, a presentación do libro A idade de Ferro de Xosé Salgado, demostracións en vivo da artesanía do ferro a cargo dos Ferreiros de Riotorto, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl; Alberto Leis de Santiago de Compostela; o Centro de Interpretación da Forja (Forjas Brun de Navarra); o ferreiro Antonio do Corgo; ferreiros da Fonsagrada e Forxa Chao, de Santiago de Compostela, demostración dos oficios de pirogravado, a cargo de Pirogravados do Norte do Concello de Ortigueira; torneado de madeira e espectáculos infantís para os máis pequenos.
No recinto feiral cuberto baixo carpa, tamén se puido degustar polbo e outra comida tradicional. Houbo animación musical durante toda a xornada a cargo dos Gaiteiros de Riotorto e a Charanga Louband.