A Xira, a cita da mocidade que arranca a programación das festas de Vilalba

As festas de Vilalba contarán coa Xira como a tradicional apertura de luxo, que estará dedicada a toda a veciñanza na fin de semana do 22 ao 24 de agosto e que terá o seu momento especial para os maiores o día 27.
Este ano volverá ter tres días de duración durante toda a fin de semana na Madalena nun ambiente de festa rachada en grupos de amigos e familiares nas tradicionais merendas.
Sen dúbida trátase da antesala das festas patronais e unha das citas máis esperadas pola mocidade vilalbesa, xa que este é un dos colectivos que máis participa da celebración e á que se dedica a maior parte da programación.
Despois da actuación inicial do venres, a Xira contará con novas actividades o sábado e o domingo.
O 22 de agosto, a explanada da Madalena será o escenario do xa consolidado ‘Venres da Xira’, unha cita que abre o programa das festas de San Ramón e Santa María cunha noite de actuacións en directo protagonizadas por artistas vilalbeses e algúns convidados.
A xornada comezará ás 21:00 horas con Decrux B2B Bristradd e o seu chill house set, para continuar ás 22:00 con El Chocolay e Jorgito + Talent. Ás 23:00 horas será a quenda de Cris V; ás 00:30 horas subirá ao escenario David García; e ás 2:00 horas volverán Decrux B2B Bristradd para pechar a noite.
Os impulsores desta proposta (Adrián Martínez, Brais Trinidad, Cristina Vázquez e David García) lembran que “logo de moitos anos xuntándonos un grupo de amigos nos casetos, facendo incluso un caseto exclusivo para o evento e falando coas cantinas para que nos proporcionasen os medios, o Venres da Xira estase a converter nun evento sólido. Foi medrando pouco a pouco e gañando aceptación nos últimos anos ata chegar ao que é hoxe: a apertura das festas patronais, reunindo, o ano pasado, ao redor dunhas 800 persoas na explanada da Madalena”.
Nesta edición, o ‘Venres da Xira’ conta por primeira vez coa colaboración do Concello de Vilalba, algo que, en palabras dos organizadores, “supón un paso adiante no asentamento desta cita para que perdure no tempo, sen perder a nosa esencia: facer un evento do pobo para o pobo, onde non pechamos a porta a ninguén e mesmo traemos artistas convidados, como en anos anteriores. Un evento que pon en valor o talento local e demostra que, con esforzo e paixón, pódese levar a música dende a túa habitación ata un escenario diante de centos de persoas”.
A concelleira de Cultura, Mónica González, destacou a proposta como “un exemplo de dinamización cultural que nace da xente moza, que aposta polo talento local e pola diversidade musical, e que xa é unha cita imprescindible dentro das nosas festas patronais”.
Os organizadores agradecen o respaldo do público, definindo o encontro como “un día único durante o ano para desfrutar dunha variedade musical que non abunda na oferta local. Grazas a toda a xente que nos apoia dende o primeiro día e a toda a que se vai sumando a esta iniciativa. Sen vós, isto non sería posible”.
O 23 terá lugar tamén o partido do Vilalbés no Torneo President, que se enfrontará este ano ao Bergantiños, dando paso á animación musical que estará a cargo de Límite e Los Key, que serán os encargados de animar tanto a sesión vermú como a verbena, a primeira a partir das 13.30 horas e a segunda desde as 22.30.
O domingo continuará a festa con grupo Da Silva, que actuará ás 13.30 para dar por rematada a Xira.
RESPONSABILIDADE
Para que todo transcorra con normalidade e sexa un éxito, o concello fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para compaxinar a celebración co respecto á contorna natural e ao medio ambiente, prestando especial atención e consideración naquelas zonas ou terreos de propiedade privada.
Este sería o caso da maior parte dos terreos situados no monte da xira, onde se desenvolverá con normalidade tal e como se viña facendo anteriormente, pero incidindo na necesidade de evitar prácticas que podan ocasionar danos á natureza, así como pedindo a limpeza posterior e adecuada xestión dos residuos, tanto nas zonas públicas como privadas, tendo en conta que estas últimas son cedidas polas persoas propietarias dos terreos para esta celebración.
Ademais, lembran a importancia de deixar os accesos libres e poñer as merendas dun xeito ordenado que permita a convivencia de todos os grupos.

PUNTO VIOLETA
A alcaldesa de Vilalba e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, foi a encargada de anunciar a posta en marcha dun punto violeta na Xira Campestre da Madalena, unha iniciativa destinada a promover a sensibilización e a prevención fronte á violencia sexual.
Os puntos violetas son espazos de información, acompañamento e apoio ás vítimas de acoso, agresións ou violencia sexual. Pretenden ofrecer un lugar seguro no que recibir axuda inmediata, orientación e activar os protocolos necesarios en caso de ser preciso. Ao mesmo tempo, funcionan como puntos de referencia para sensibilizar á cidadanía e promover unhas festas libres de violencia machista.
O servizo funcionará o venres 22 de agosto, de 23:00 a 3:00 horas, e o sábado 23, de 22:00 a 4:00 horas, situándose nunha das marxes da explanada da Madalena, do mesmo xeito que en edicións anteriores.
O punto violeta estará atendido por profesionais especializados en violencia de xénero e violencia sexual, que ofrecerán información, asesoramento e acompañamento ás persoas que o soliciten. Ademais do material divulgativo, repartiranse agasallos co obxectivo de fomentar a participación e reforzar a mensaxe contra a violencia sexual.
A iniciativa contará tamén cun espazo seguro ao que poderán acudir aquelas persoas que desexen comunicar posibles agresións sexistas, activando o protocolo establecido nestes casos.
A rexedora vilalbesa destacou que “en Vilalba queremos que as nosas festas sexan un espazo seguro para todas e todos. O punto violeta permite que quen o precise poida recibir información, apoio e denunciar situacións de acoso ou violencia sexual. É unha ferramenta fundamental para reforzar a prevención e a concienciación na nosa comunidade”.
Rouco subliñou, así mesmo, que “este tipo de accións forman parte do compromiso do Concello para garantir unhas festas seguras e inclusivas, promovendo a participación activa da cidadanía na prevención da violencia de xénero e sexual”.