A Xira dos maiores de Vilalba reuniu a máis de 300 persoas na Madalena
A explanada da Madalena, na área recreativa vilalbesa, volveu vestirse de gala tres días despois da celebración da tradicional xira campestre coa que deron comezo as festas patronais de San Ramón e Santa María.
Nesta ocasión, foron os maiores os protagonistas da cita, na que se reuniron máis de 300 persoas que dende as 12:30 comezaron a chegar á Madalena para asistir á misa solemne cantada pola Coral Luar e logo gozar dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus que deu paso á celebración do xantar popular ao que acudiron veciños vilalbeses e de diversos municipios da contorna.
Todos eles puideron gozar dun menú composto por xamón cocido, polbo, churrasco, sobremesa, café e bebida servido polo catering local Rochela a un prezo de 20 euros por persoa. Nesa liña, a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Marta Rouco, explicou que "o Concello fíxose cargo dun 40% do custe de cada menú co obxectivo de que o prezo da comida non fora un impedimento e que ninguén deixara de asistir á xira por ese motivo".
Logo da comida, o dúo Venus continuou coa súa actuación, ofrecendo un baile para todos os asistentes co que se pechou a cita que a alcaldesa, Marta Rouco, valorou "moi positivamente, tivo moi boa acollida e iso sempre é moi gratificante". Á súa vez, Rouco quixo "agradecer a todos os asistentes a súa boa enerxía e as ganas de gozar, o que nos motiva a seguir mantendo esta celebración como unha cita indispensable no programa das festas".