A Xira, que se inicia este venres, volverá contar cun punto lila
As festas de Vilalba contarán coa súa tradicional apertura de luxo, a Xira, que estará dedicada a toda a veciñanza na fin de semana do 23 ao 25 de agosto e que terá o seu momento especial para os maiores o día 28.
Este ano volverá ter tres días de duración durante toda a fin de semana na Madalena nun ambiente de festa rachada en grupos de amigos e familiares nas tradicionais merendas.
Sen dúbida trátase da antesala das festas patronais e unha das citas máis esperadas pola mocidade vilalbesa, xa que este é un dos colectivos que máis participa da celebración e á que se dedica a maior parte da programación.
Arrancará o venres pola noite, ás 22.30 horas cunha sesión de Dj’s entre os que se atopan David García, Cris Vázquez, Diego Amido (Oxígeno), Bris Trad, Decrux e Juan Chousa. Esta cita é xa un clásico, malia ser só a terceira edición aumentando ano a ano a súa participación.
Continuará a gran festa o sábado xa coa música de orquestra, que este ano estará ao cargo dos grupos Tokio e Greese, as dúas en sesión vermú e verbena.
O domingo continuará a festa co grupo M3 Show en sesión vermú para deixar unha tarde de diversión para as familias, que todos os anos fan o seu xantar nun espazo reservado.
Esta cita reúne cada ano a miles de persoas na zona do río para comer, bailar e desfrutar durante os tres días.
Por outra banda, o concello convidará a unha comida ás persoas maiores de 65 anos empadroadas en Vilalba, que se celebrará na explanada da piscina da Área Recreativa da Madalena para a tradicional Xira dos maiores, que será o 28 de agosto.
A xornada comezará ás 12:30 horas cunha misa que contará coa participación da coral Luar, á que seguirá unha sesión vermú, xantar popular, baile e música co dúo Venus.
O menú nesta ocasión está composto por xamón asado, polbo e churrasco, sobremesa e café, cun prezo de 20 euros por persoa. “Unha xornada de fraternidade, reencontros e moita diversión, un día moi especial coas persoas maiores de Vilalba”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco. É imprescindible anotarse, coa data límite do 23 de agosto, presencialmente no Concello de Vilalba ou chamando ao número 982 510 305. Esta celebración leva máis de dúas décadas congregando aos maiores de Galicia e o norte da península nesta festa.
RESPONSABILIDADE
Para que todo transcorra con normalidade e sexa un éxito, o concello fai un chamamento a todos os veciños e veciñas para compaxinar a celebración co respecto á contorna natural e ao medio ambiente, prestando especial atención e consideración naquelas zonas ou terreos de propiedade privada.
Este sería o caso da maior parte dos terreos situados no monte da xira, onde se desenvolverá con normalidade tal e como se viña facendo anteriormente, pero incidindo na necesidade de evitar prácticas que podan ocasionar danos á natureza, así como pedindo a limpeza posterior e adecuada xestión dos residuos, tanto nas zonas públicas como privadas, tendo en conta que estas últimas son cedidas polas persoas propietarias dos terreos para esta celebración.
Ademais, lembran a importancia de deixar os accesos libres e poñer as merendas dun xeito ordenado que permita a convivencia de todos os grupos.
PUNTO LILA
O Concello de Vilalba instalará esta fin de semana un punto lila na área recreativa da Madalena con motivo da celebración da Xira Campestre.
Unha iniciativa coa que se pretende levar a cabo unha campaña de sensibilización contra a violencia sexual e despregar os medios dispoñibles para dar apoio a posibles vítimas de agresións sexistas.
O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual e permanecerá aberto na contorna do campo da festa de 23.00 a 3.00 da madrugada o venres e de 22.00 a 4.00 da madrugada na xornada do sábado.
O obxectivo da proposta, impulsada pola concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, pretende "levar a cabo unha campaña de información e sensibilización contra a violencia sexual, de tal xeito que calquera persoa poida achegarse ao punto lila para participar en actividades lúdicas de carácter informativo", explicou a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco.
Nesa liña, ademais de información tamén se repartirán diferentes tipos de agasallos a todas as persoas que se animen a participar na campaña e se acheguen ao punto lila para recibir información e sumarse á concienciación contra a violencia sexual.
Pola súa banda, o punto lila tamén contará cun espazo seguro ao que poderán acudir aquelas persoas que precisen poñer de manifesto posibles agresións sexistas, de tal forma que os profesionais activen o protocolo establecido para ditas situacións.