A Xira, unha festa para todas as idades
Centos de persoas desfrutarán de maneiras diferentes esta celebración.
Unha das citas máis esperadas das festas de San Ramón e Santa María é a Xira, que como sempre conta coa de maiores e a dos mozos. A primeira será hoxe, 23 de agosto, e a dos mozos terá unha duración de tres días, dende o venres 25 ao domingo 27.
XIRA DOS MAIORES
A Xira dos Maiores celébrase hoxe na Área Recreativa da Madalena e este ano non contará coa tradicional misa campestre pero si con diferentes actuacións musicais.
Haberá unha sesión vermú coa actuación da coral vilalbesa Luar xunto co dúo Estrellas e a Charanga de Vilalba. Que estarán amenizando o esperado xantar.
Xa ao mediodía será o xantar de confraternidade na carpa situada na praia fluvial da Madalena, para que despois da sobremesa os asistentes podan seguir desfrutando da tarde e do baile.
Arredor das 20.00 horas será o remate dos actos da Xira dos maiores.
Este ano non se venderán tarxetas na casa da cultura senón que tan só haberá que inscribirse no departamento de cultura do Concello de Vilalba, ou escribindo a cultura@vilalba.es ou chamando ao teléfono 982 510 761. O prezo do menú son 25 euros que se abonarán na entrada da carpa.
Dende o Concello recordan a xente que veñan provisto da tarxeta da Seguridade Social por se houbera algún problema.
XIRA CAMPESTRE
E despois da Xira dos Maiores chega a esperada xira da mocidade que este ano terá tres días de duración durante toda a fin de semana na Madalena nun ambiente de festa rachada entre grupos de amigos e familiares nas merendas e nas sesións vermús.
A Xira dos mozos será os seguintes días, o venres 25, sábado 26 e domingo 27. Esta esperada xornada comezará o 25 cunha sesión nocturna de Djs da Chaira como Bris Tradd, Cris Vázquez, David García, Decrux, Diego Amido e Peabody.
O sábado da Xira será tamén o do Trofeo President do Rácing Vilalbés
Sesións vermús e moita música acompañarán a mocidade e maiores
Na xornada do sábado 26, contarán con sesión vermú e a festa continuará ata a noite, cando a festas estará amenizada pola orquestra Alma Latina e polo Grupo musical Lecer.
Este sábado tamén será o Trofeo President de fútbol que organiza o Rácing Club Vilalbés e que enfrontará no estadio Municipal A Madalena a partir das 19.00 ao Bergantiños e ao equipo local. Ademais este ano celebrarase tamén o Torneo President Genuine no que o equipo local enfrontarase ao Deportivo da Coruña.
Así mesmo, farán o Memorial Jorge Tato o vindeiro 31 de agosto, coincidindo co propio Día do San Ramón e que enfrontará ao Xuvenil A do Rácing Vilalbés contra o Lugo Cadete de División d e Honra ás 19.00 hora no estadio A Roca.
Xa na última xornada da Xira, o domingo 27, haberá unha sesión vermú máis longa do habitual que estará a cargo de orquestra Alabama.
PUNTO LILA
O Concello de Vilalba instalará nas Festas Patronais de San Ramón e Santa María un punto lila, co obxectivo de realizar un traballo de sensibilización contra a violencia sexual e dar apoio en caso de posibles agresións.
O punto lila estará habilitado o sábado 26 de agosto na Xira dos mozos cunha pequena carpa que estará situada na explanada da piscina. Este posto estará aberto en horario de 22.00 as 04.00 horas.
O posto estará atendido por persoal especializado en violencia de xénero e en violencia sexual.
No punto lila ofrecerase atención ante agresións sexistas, facilitarase asesoramento neste tipo de situacións, ademais de poñerse en marcha unha campaña de concienciación sobre a violencia sexual.
Tamén entregaranse camisolas, vasos e pulseiras con mensaxes sensibilizadores. Para “concienciar a toda a cidadanía de gozar dunhas festas libres de agresións e violencias”, di Marta Rouco, concelleira de Igualdade.
“Esperamos que sirva para orientar, informar e sentirse seguros”, di Rouco, quen engade que existirá “tanto material dirixido aos homes como ás mulleres, xa que esta é unha loita de todos”.