A XIV Expodegustación da Galiña de Mos foi un éxito de participación

LugoXa | TerraChaXa
A cita reuniu criadores, veciños e visitantes nunha xornada dedicada á promoción desta raza autóctona galega, con degustacións, premios e actividades durante todo o día
Expodegustación-da-Galiña-de-Mos-25
26 Oct 2025

A parroquia chairega de San Xiao de Mos celebrou este domingo a décimo cuarta edición da Expodegustación da Galiña de Mos, unha cita xa consolidada no calendario outonal da comarca da Terra Chá e que volveu converterse nun punto de encontro entre criadores, produtores, veciñanza e visitantes.

O deputado de Rural, Daniel García, asistiu ao evento organizado pola Asociación de Veciños de San Xulián de Mos e Avimós coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O responsable provincial visitou a mostra de exemplares de Galiña de Mos, que reuniu aves dunha ducia de criadores e criadoras da zona e do resto da comarca, e participou tamén no xantar popular no que se repartiron 800 menús elaborados con produtos desta raza autóctona: galo guisado ao xeito tradicional, arroz con Galiña de Mos, ovo frito e queixo Leitigal de sobremesa.

Daniel García quixo recoñecer o traballo dos criadores e da veciñanza que colaboran na organización desta xornada, que, segundo afirmou, “reivindica e visibiliza San Xiao de Mos como berce desta raza autóctona e promove as súas calidades gastronómicas”. Nesa liña, destacou tamén a “importancia do consumo local para garantir a rendibilidade das producións”.

O recinto feiral contou con postos de artesanía, unha mostra de coches clásicos, animación musical e xogos populares, mantendo a actividade durante toda a xornada.

No marco da feira entregáronse os premios do XI Concurso Comarcal de Galiña de Mos. O galardón ao Mellor Lote de Femias Recría foi para José Zapata (Castro Ribeiras de Lea, Castro de Rei); o Mellor Lote de Machos Recría recaeu en Luis Fernández (Chacín, Riotorto); o premio ao Mellor Galo foi para Beatriz Canto (Pacios, Castro de Rei), mentres que o de Mellor Galiña foi para Alberto Buján (Pedrafita, Guitiriz).

Tamén o Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei participou na cita. A deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Montse Valcárcel, e a concelleira nacionalista Olga García, acompañadas de militantes e simpatizantes, destacaron o valor deste tipo de iniciativas que, ademais de conservar o patrimonio xenético e cultural de Galicia, contribúen a dinamizar a economía local e fortalecer o tecido social do rural.

Montse Valcárcel felicitou publicamente ás entidades organizadoras polo seu compromiso coa defensa da Galiña de Mos e lembrou que “hai uns anos esta raza estivo a piques de desaparecer, e hoxe, grazas ao esforzo de moitas persoas, é un exemplo de como o compromiso co territorio pode dar froitos reais e duradeiros”. A deputada subliñou que “a Galiña de Mos é un símbolo da nosa identidade e do noso xeito de entender o rural”, destacando o labor de Avimós e do movemento asociativo da zona “por promover un modelo de produción ligado á terra, sustentábel e de proximidade”.

Pola súa banda, a concelleira Olga García salientou que “a Expo-Degustación de San Xiao de Mos é moito máis que unha festa gastronómica: é unha mostra da forza da nosa xente, do orgullo por vivir e producir no rural e da capacidade que temos para xerar actividade económica e social a partir dos nosos propios recursos”.

⚙ Configurar cookies
0.070252895355225