A XLVII Romaxe de Crentes Galegos celébrase este sábado en Bascuas

TerraChaXa
Ás dúas da tarde está prevista a comida popular, baixo carpa, na que cada participante levará a súa propia cesta
romaxe-de-crentes-galegos-bascuas
12 Sep 2025

O santuario de Bascuas, situado na parroquia de San Salvador de Parga, no concello de Guitiriz, converterase este sábado 13 de setembro no punto de encontro da edición número 47 da Romaxe de Crentes Galegos. O evento, promovido pola asociación Irimia coa colaboración do Concello de Guitiriz e de Xermolos, reunirá centos de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia.

A xornada comezará ás once da mañá coa acollida dos romeiros e romeiras. Ao mediodía terá lugar un acto central no que intervirá Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, quen desenvolverá o lema escollido para esta edición: “Se vós calades, as pedras cantarán”. A celebración contará tamén coa música do grupo A Quenlla e das gaitas da asociación cultural guitiricense.

Ás dúas da tarde está prevista a comida popular, baixo carpa, na que cada participante levará a súa propia cesta. A continuación haberá festa e foliada, de novo co protagonismo musical de A Quenlla e das gaitas de Xermolos, abertas á participación de todas as persoas que se queiran sumar.

⚙ Configurar cookies
0.17199015617371