A xornada de transparencia e acceso á información nos Concellos reúne a preto dun centenar de participantes
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o VII Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos que reuniu a representantes institucionais, así como secretarios, interventores, tesoureiros, e técnicos dos diferentes municipios lucenses. Trátase da sétima ocasión na que o Goberno da Deputación organiza un encontro cos actores do mundo local, para abordar temas de actualidade e dar resposta ás demandas dos 67 municipios da provincia.
Fernández Queipo subliñou que “somos conscientes de que nos últimos anos a transparencia e o acceso á información pública son dúas cuestións que cobraron especial relevancia. Por iso, queremos dar un paso adiante na comprensión destes momentos de cambio e ofrecer respostas aos entes locais, que lles permitan adecuarse a nova Lei de transparencia. Unha lei que facilita, sen dúbidas, achegar o día a día da Administración aos cidadáns”.
Ao longo do xornada, debateuse sobre as normativas de transparencia e a protección de datos persoais; así como a publicidade activa nas entidades locais, e o dereito de acceso á información pública. Por último, analizouse a normativa de transparencia e o acceso dos concelleiros á información municipal.
Poñentes
Para abordar todos estes temas contouse coa participación de dous expertos de recoñecido prestixio: Emilio Guichot Reina, Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla, e especialista en Dereito da Comunicación, Protección de Datos e Transparencia, que foi o encargado de coordinar o Encontro.
E, por outra banda, Oriol Mir Puigpelat, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, autor de numerosos estudios sobre esta materia, que impartiu dous relatorios ao longo da tarde.
Nova Lei de Transparencia
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno ten por obxecto ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade e establecer as obrigacións de bo goberno que deben cumprir os responsables públicos así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento.
A Lei establece as obrigacións de publicación que afectan as entidades públicas para garantir a transparencia na súa actividade e regula o dereito de acceso dos cidadáns á información pública. Esta normativa supuxo un cambio favorable e un paso adiante para lograr facer da Administración un sector máis transparente e controlado.