A xornada Desenvolvemento rural e emprendemento destaca o papel da muller
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou en Vilalba, na xornada Desenvolvemento rural e emprendemento, organizada en colaboración con Executivas de Galicia, na que destacou o importante papel que as mulleres están desempeñando na dinamización da economía rural galega.
No transcurso da xornada trasladóuselle aos asistentes experiencias de emprendemento rural a través de sociedades cooperativas e apoios aos que se poden acoller para desenvolver proxectos. A secretaria xeral incidiu no esforzo que se está levando a cabo para crear riqueza e emprego no rural con programas específicos como Aprol Rural, Galicia Rural Emprende ou os Laboratorios Cooperativos no rural que este ano apoiarán unha vintena deles e a 15 entidades constituídas ao seu abeiro.
Ademais, Covadonga Toca lembrou que unha das prioridades do Goberno galego é lograr a igualdade real entre homes e mulleres, tamén en materia laboral, polo que está en marcha o programa Emprega en Feminino, que entre os seus eixes de actuación contempla o apoio para o autoemprego e emprendemento das mulleres galegas.
Neste sentido, subliñou tamén que o cooperativismo representa unha oportunidade para a mellora da empregabilidade deste colectivo e sinalou que a Estratexia de Economía Social ten entre os seus obxectivos sumar capacidades, mellorando a capacitación emprendedora e promovendo a creación de empregos, especialmente entre as mulleres e a mocidade do rural galego.