A xornalista Cristina Arias e a ilustradora Laura de Cibreiro estréanse na literatura cun conto ilustrado

TerraChaXa
'Nariz vermello' é unha historia sinxela e divertida que se presenta este luns ás 19.00 horas na biblioteca Enrique Rivera Rouco das Pontes
cristina-arias-laura-de-cibreiro-nariz-vermello
22 Dec 2025

A xornalista Cristina Arias e a ilustradora e deseñadora gráfica Laura de Cibreiro, ambas veciñas das Pontes, presentan este luns, día 22, ás 19.00 horas na biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco das Pontes, o seu primeiro conto ilustrado, baixo o título de Nariz vermello, da man de Edicións Embora.

"Este proxecto é para nós un regalo a esas nenas que fomos e que soñaron, por separado, o mesmo, aínda que de diferente maneira; unha con palabras, outra con imaxes", explican as autoras, que se estrean no mundo editorial despois de que esas nenas, xa adultas, se atopasen no camiño e descubriran, sen ter nin idea, que ese soño era compartido.

Nariz vermello é unha historia sinxela e divertida, que non busca ser educativa, senón simplemente entreter nese espazo que fai equilibrios entre a realidade e a ficción, que busca manter viva esa maxia infantil de historias compartidas e universais como os Reis Magos, Papá Noel, o Apalpador ou o Ratiño Pérez.

En Nariz vermello unha avoa relata á súa neta unha antiga historia familiar, de cando o seu avó amolou a un trasno que vivía na súa casa ao non saber coidalo. E deixa a porta aberta a se o trasno segue acompañando á familia ou non. Quizais está instalado agora na casa da nena, que terá que coidalo se non quere ter que aturar as súas bromas, quizais cambiou para a casa do lector que ten o libro entre as mans. A ficción pode traspasar as páxinas.

No conto, os máis pequenos, ademais de achegarse ás bromas que fan os trasnos cando se enfadan, poden xogar a través das ilustracións para atopar a ese ser máxico, que se agocha en tódolos escenarios pero nunca se mostra completo. A imaxinación ten que facer o seu traballo.

AS AUTORAS

Cristina Arias é a autora do texto. Xornalista en activo desde 2007. Escribe dende nena pero, pese a que leva publicando media vida nas páxinas do xornal, e a que ten algunha obra publicada a través dalgún certame (Concurso de Microrrelatos de Vilalba ou Comunidade de Microrrelatos IES), este é o seu primeiro proxecto persoal.

Laura Gómez, deseñadora gráfica e ilustradora, encárgase das imaxes. Traballou nun estudo de deseño e editorial ata o ano 2012, que decidiu emprender un novo camiño como autónoma. Te un variado abano de clientes, entre colectivos, administracións ou empresas. Publica algúns dos seus traballos a través de redes (@decibreiro) ou da súa web (www.decibreiro.com).

⚙ Configurar cookies
0.081207990646362