A Xunta abre o acceso de GaliciaLe a todos os cidadáns

TerraChaXa
A Xunta de Galicia vén de facilitar as condicións de acceso a GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.
28 Mar 2020

A Xunta de Galicia vén de facilitar as condicións de acceso a GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Ata agora só estaba accesible para os usuarios destas bibliotecas, polo que era preciso ter carné, e desde este momento ábrese toda a poboación. Esta nova medida enmárcase na campaña #aculturasegue que a Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha a raíz da crise sanitaria co obxectivo de ofrecer unha programación de lecer e cultural a través de internet que chegue a todos os fogares da Comunidade.

Deste xeito, as bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico continuarán a desempeñar un papel fundamental na provisión de servizos culturais durante o estado de alarma por mor do coronavirus. Así, entre outros servizos, os galegos poden descargar e visionar nos seus ordenadores, tablets ou móbiles obras en formato dixital de temáticas diversas que cobren un amplo espectro de interese e de idades.

En concreto, GaliciaLe conta con máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais suma 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais.

Rexistro rápido e sinxelo
Para facilitar o acceso a esta plataforma só é necesario rexistrarse mediante o formulario dispoñible na páxina web de GaliciaLe. Tras cubrir o formulario, o usuario recibirá no seu enderezo electrónico as claves para acceder a plataforma. Cando remate o estado de alarma, os usuarios disporán dun período de 30 días para e recoller o seu carné e seguir gozando das vantaxes da rede de bibliotecas públicas de Galicia e desta plataforma.

Como complemento a esta iniciativa, os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos destacan exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

Ademais, e aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.

0.18809080123901