A Xunta achega 123.000 euros para entidades deportivas da Terra Chá

TerraChaXa
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións do Rácing Club Vilalbés, un dos beneficiarios
visita-Racing-Vilalbes-javier-arias
6 Feb 2026

A Xunta de Galicia achegou o pasado ano 123.000 euros a unha vintena de entidades deportivas da comarca da Terra Chá para impulsar as súas actividades e mellorar dotacións a través de patrocinios e programas de axudas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións do Rácing Club Vilalbés, un dos beneficiarios das achegas, e explicou que a Secretaría Xeral para o Deporte vén de convocar a primeira das medidas de apoio deste ano, destinada ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia. A liña dotada con 2 millóns de euros.

Arias lembrou que esta convocatoria distribuíu na comarca 52.700 euros no pasado exercicio. As solicitudes poden formularse desde o pasado martes e ata o próximo 2 de marzo a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Entre os criterios de valoración que determinan o importe da subvención, figuran a relevancia da actuación, o número de deportistas e adestradores federados, o número de deportistas internacionais ou a participación en fases de ascenso.

Así mesmo, hai un conxunto de criterios puntuables non deportivos entre o que destaca o traballo a prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte ou contra a violencia machista. De feito, este ano prímase novamente nos criterios de valoración o deporte feminino, xa que as licenzas femininas duplican o seu valor na puntuación respecto ás masculinas.

O delegado territorial sinalou que na Terra Chá tamén se concederon o pasado ano axudas a catro clubs para a adquisición de equipamento, por importe global de case 13.000 euros. Por último, os patrocinios ao Vilalba Fútbol Sala e ao Club de Fútbol Sala Feminino Castro sumaron 57.500 euros.

⚙ Configurar cookies
0.087791919708252