A Xunta achegará 218.000 euros para a nova residencia de Saúde Mental das Pontes

A Xunta de Galicia segue reforzando o seu apoio á Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal para a posta en marcha da nova unidade residencial das Pontes cunha nova achega de 218.000 euros. Así o destacou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante unha xuntanza co presidente da entidade, Félix Pena, e os representantes da entidade, na que coñeceu os últimos detalles do proxecto.
No encontro, no que tamén participou a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, Fabiola García destacou a importancia deste proxecto para os concellos da contorna de Ferrol e lembrou que nos últimos anos a Xunta destinou 870.000 euros a esta nova unidade residencial. Así, investiu máis de 650.000 euros para a construción do complexo á que se suma unha nova achega de 218.000 euros, a través da convocatoria do IRPF, para a rehabilitación do interior e a súa posta en marcha.
A conselleira sinalou que a importancia da colaboración entre a Administración e o tecido asociativo para seguir impulsando proxectos que melloren a calidade de vida da poboación. Por iso mesmo, agradeceu o traballo desenvolvido por esta entidade social nos últimos 30 anos, dando un servizo integral de calidade en toda a área sanitaria de Ferrol a través dos seus centros de rehabilitación psicosocial, ocupoacional e con diferentes vivendas tuteladas.