A Xunta adxudica as obras da autovía Ferrol-Vilalba na zona da Coruña
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora de firme na autovía Ferrol- Vilalba (AG-64), no treito da provincia da Coruña, e noutras estradas autonómicas da contorna por máis de 743.000 euros.
Estas actuacións, que comezarán na primeira semana de outubro, inclúen a rehabilitación da capa de rodadura en varias vías, ao seu paso polos concellos das Pontes de García Rodríguez, Narón, San Sadurniño ou As Somozas.
O proxecto define as obras necesarias para a rehabilitación do firme do tramo da autovía Ferrol - Vilalba (AG-64) situado na provincia de A Coruña, de 39,79 km. Tamén se contemplan melloras de drenaxe nos tramos entre os puntos quilométricos 8 e 8+300, na zona do paso superior da estrada de Vilallonte, ou a construción de beiravías de seguridade nos ramais do enlace de Penapurreira.
O contrato tamén se centrará en actuacións complementarias de renovación da sinalización vertical que se atope deteriorada, a eliminación da barreira no enlace de Penapurreira e o retranqueo da barreira cara o interior da mediana en dous tramos, na contorna do enlace coa CP-5404 a Sedes e Xubia.
Tamén se realizarán traballos de mellora de drenaxe fóra da AG-64, pero nas súas proximidades, na estrada Cabanas- As Pontes (AC-564), na que se executarán beiravías de seguridade nun tramo próximo ao enlace entre a autovía e a citada estrada autonómica.
O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.