A Xunta afirma que case 200 mozos incorporáronse á actividade agraria
A Consellería do Medio Rural achegou durante o pasado ano 6.074.000 euros para impulsar a incorporación á actividade agraria de 194 mozos e mozas na provincia de Lugo. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na visita que realizou a Vilapedre (Friol), unha explotación gandeira na que mantivo un encontro con varios beneficiarios.
Na visita, na que tamén participou o alcalde, José Ángel Santos, o delegado subliñou que o 41 por cento dos expedientes de incorporación tramitados en Galicia ao abeiro desta orde de axudas corresponden á provincia de Lugo. “É unha boa nova -afirmou- que a mocidade lucense vexa futuro no rural; está protagonizando un cambio cara a explotacións máis profesionais e dimensionadas, chamadas a ser un importante piar no progreso económico da provincia”.
No concello de Friol resultaron beneficiarias nove persoas, que recibiron unha subvención global de 304.000 euros para facilitar os seus inicios na actividade. Poden ser beneficiarios destas axudas as persoas que no momento de presentar a solicitude teña cumpridos os dezaoito anos e non teña cumpridos os corenta e un anos, e se establezan nunha explotación agraria por primeira vez como titulares desa explotación, de xeito individual, como cotitulares ou como socios.
A Xunta, destacou Balseiro, quere favorecer o progreso das empresas agrarias”, e para elo engloba nunha mesma orde de convocatoria tres liñas de actuación básicas: estas axudas para a primeira instalación, os plans de mellora as subvencións para pequenas explotacións. “En conxunto -engadiu o delegado- os tres programas sumaron no 2017 achegas por valor de máis de 25 millóns de euros aos agricultores e gandeiros lucenses”.
Polo que respecta ao concello de Friol, o orzamento ascende a 1,3 millóns de euros, xa que aos nove beneficiarios do programa de primeiras instalacións hai que sumar 11 que recibiron axudas dos plans de mellora (904.890 euros en total) e outros 11 que o fixeron ao abeiro da liña de pequenas explotacións (165.000 euros).
Balseiro apuntou que existen ademais outras iniciativas de fomento -a través da propia Consellería do Medio Rural, o Igape e outros departamentos- “que poñen de relevo a forte aposta da Xunta polo rural, mobilizando unha variedade de recursos públicos para dinamizar a actividade no agro e con elo fixar poboación no medio”.