A Xunta ampliará o transporte escolar para os alumnos de Pígara e Baamonde
Despois das numerosas protestas, a Xunta anunciou que porá en marcha no vindeiro curso 2021/2022 novas liñas de autobús integrado para garantir o servizo de transporte público aos escolares de Pígara (Guitiriz) que cursan os seus estudos en distintos centros educativos da contorna. Ás liñas que xa estaban operando para trasladar ao alumnado aos seus centros de referencia sumaranse novos servizos cando comece o próximo curso.
Así, mantense a ruta do IES Río Miño (Rábade) e amplíase a do CEIP de Baamonde (Begonte), que integrará os estudantes no CEIP Virxe do Corpiño, do mesmo municipio, polo que despois de facer parada en Baamonde, o bus estenderá o seu traxecto ata o colexio da capitalidade.
Ademais, desde setembro funcionarán novas liñas integradas para facilitar os traslados de alumnado matriculado en centros educativos do concello de Guitiriz: CEIP Santo Estevo de Parga, CEIP Lagostelle e IES Poeta Díaz Castro.
A Xunta indicou que os rapaces e rapazas que cursen BAC tamén poderán facer uso das novas liñas integradas de xeito gratuíto, sen que iso implique facer modificacións nas rutas ou crear novas paradas.
Poden acceder ao autobús de balde empregando a Tarxeta Xente Nova, que a Xunta vén de estender a toda Galicia e que permite viaxar de xeito gratuíto aos menores de 21 anos.
REACCIÓN DO CONCELLO DE GUITIRIZ
Segundo informa o Concello de Guitiriz, "así dase solución por fin á situación na que se atopaban tres familias desta parroquia que reivindicaban desde o ano 2019 o seu dereito a ter un transporte gratuíto para que os seus fillos e fillas se desprazasen ao IES Poeta Díaz Castro para cursar a ESO".
"O Concello sempre apoiou as súas demandas", dixo e engadiu que próximamente, publicará unha liña de axudas que lles permitirá sufragar o 50% dos gastos ocasionados por non contar co servizo de transporte escolar no último curso.
"Esta é unha nova moi agardada en todos os sentidos xa que, ata onte, ao redor de 15 familias de Pígara que xa fixeran a reserva de praza dos seus fillos e fillas no CEIP Santo Estevo de Parga ou no CEIP Plurilingüe de Lagostelle non tiñan confirmado o transporte escolar ao centro que escolleran", explican.
"As familias afectadas atopábanse nunha situación límite" dixeron polo que pouco antes de facerse público, tanto o Concello como a comunidade educativa de Guitiriz instaron á Xunta a que respectase as súas decisións e os seus dereitos e resolvese canto antes esa situación de incertidume.