A Xunta anuncia máis investimentos para As Pontes a través do Fondo de Transición Xusta

TerraChaXa
Hoxe abre o prazo para a liña de axudas para a cal a Xunta destina 80 millóns de euros co obxectivo de financiar proxectos de descarbonización e renovación industrial
fondos-transicion-xusta-as-pontes
31 Jan 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou a convocatoria das novas liñas de axuda que mobilizarán máis de 100 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña, tal e como sae hoxe publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo, remarcou, pasa por impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.

Así o destacou durante a xornada Fondos para unha transición xusta: Oportunidades de futuro, na que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coa reactivación económica deses concellos pero tamén dos territorios limítrofes (comarcas de Ferrolterra, Eume e Ordes, así como os concellos de Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón). Os proxectos subvencionables deberán localizarse nalgún destes lugares.

A conselleira destacou que hoxe abre o prazo para a liña de axudas para a cal a Xunta destina 80 millóns de euros co obxectivo de financiar proxectos de descarbonización e renovación industrial de compañías tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.

Pola súa banda, a Xunta destina outros 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pemes da provincia da Coruña que poderán solicitarse a partir do vindeiro 9 de febreiro.

O prazo de presentación de solicitudes é de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.

“Non estamos aquí para falar de peches, senón de aperturas, de novos proxectos nestas comarcas”, dixo Lorenzana, quen tivo palabras de agradecemento a todos os traballadores que “foron quen de converter estas dúas comarcas e todas as áreas de influencia nunhas zonas industriais de primeiro nivel en toda España”.

“Agardo que estas axudas, xunto con todo o traballo que estamos facendo os propios empresarios, os traballadores e a administración, consigan que esta zona de Galicia, absolutamente industrial, continúe séndoo”, proseguiu, para apuntar: “Se tivésemos organizado este proceso de transición nas Pontes con esa colaboración que se espera das administracións, sen dúbida algunha, houbera sido bastante máis xusta”.

Neste contexto, Lorenzana apelou a “loitar contra o non por sistema”. “Non pode ser que cada vez que se propoña unha iniciativa empresarial, industrial ou enerxética, haxa xente disposta a dicir que non sen nin sequera saber de que vai esa iniciativa”, subliñou. “Iso fai que Galicia perda oportunidades e que as gañen outros territorios. Galicia non está no pasado”, remarcou.

A Xunta e os interlocutores sociais máis representativos de Galicia (UGT, CCOO, Asime e a Confederación de Empresarios da Coruña) asinaron o Plan de Actuacións Integral (PAI) As Pontes-Meirama 2025-2028, para a recualificación profesional, mellora da empregabilidade e a reinserción ao mercado laboral das persoas traballadoras afectadas polos peches das centrais. Dentro deste plan, destaca o proxecto Activa Verde, orientado a atender a 900 participantes con programas de orientación, formación en enerxías renovables e apoio á recolocación.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou a importancia da Unión Europea na realidade empresarial de Galicia. “Galicia é Europa”, aseverou, “e os fondos europeos son un dos principais motores do noso desenvolvemento económico”. Trátase de investimentos reais que permiten “innovar, medrar, modernizar procesos, apostar pola transición verde, internacionalizarse e xerar emprego de calidade. En definitiva, concluíu Corgos, “son ferramentas clave para que o tecido produtivo galego avance.”

Miguel Corgos encargouse de moderar a mesa Experiencias reais: os fondos europeos activan oportunidades para as empresas, na que tres empresarios expuxeron o que o apoio dos fondos supón na súa realidade e o seu impacto no crecemento dos seus negocios, na súa competitividade e no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.075088024139404