A Xunta realiza os cambios no transporte escolar de Vilalba demandados polo Concello

TerraChaXa
Anúnciase tamén o estudo de alternativas para a mellor xestión da estación de autobuses, tras escoitar as propostas municipais
Campaña DGT Transporte Escolar
31 Jan 2025

A Xunta atende as demandas trasladadas polo concello de Vilalba e implementa melloras no transporte escolar, amosando o seu compromiso coa mobilidade nas zonas rurais.

Entre as principais actuacións destaca a atención á solicitude do CEIP Antonio Insúa Bermúdez, para o que implantou a parada Pista do Carballo, que substitúe a de Broz dende o pasado 20 de xaneiro. Este cambio aplicouse tras comprobarse que a parada Broz era utilizada unicamente por un alumno.

Por outra banda, tamén se deu resposta ás demandas trasladadas polo CEIP Terra Chá con respecto aos problemas de capacidade nalgunhas liñas que dan cobertura ao centro. Así, realizaranse algúns axustes na relación de paradas dispoñibles, como o traslado da parada A Igrexa, 17 da liña Bouzamelle-A Pravia á liña CEIP Terra Chá-Vilaester. Esta modificación suporá a liberación de tres prazas na primeira liña e non afectará aos tempos de viaxe establecidos.

No caso do IES Basanta Silva, atendéronse asemade as peticións do centro con respecto da demanda de persoas usuarias. Tras estudar o acontecido, determinouse que na liña IES Santiago Basanta Silva-Pereira emprégase un vehículo que dispón de dúas prazas adicionais ás reservadas para escolares con dereitos e mantense a mesma capacidade que no curso pasado.

Finalmente, no que atinxe ao ámbito da estación de autobuses de Vilalba, tras a recente visita da directora xeral de Mobilidade no pasado mes de outubro, estanse a analizar vías de mellora da súa infraestrutura.

Con estas actuacións, a Xunta reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos servizos de transporte público, respondendo ás necesidades da cidadanía e apostando por unha mobilidade máis eficiente, sostible e segura. A información relativa aos servizos de transporte público interurbano está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

0.14605808258057