A Xunta aproba a achega para manter o comedor da EEI
O Goberno galego colaborará co Concello de Vilalba na prestación do servizo de comedor escolar na Escola de Educación Infantil (EEI) de Vilalba, cunha achega de 31.727,50 euros, segundo o convenio autorizado polo Consello da Xunta entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e este Concello.
No marco deste convenio, a Consellería subvencionará os menús escolares de 49 comensais da EEI de Vilalba durante o que resta do actual curso 2020/21 e durante todo o curso 2021/22, que é o seu período de vixencia. Pola súa banda, o Concello de Vilalba comprométese a asumir a xestión e organización deste comedor escolar, o que abrangue a contratación da elaboración e servizo dos menús, así como o coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.
Este convenio foi un dos temas tratados durante a reunión que mantivo a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e o o primeiro tenente de alcalde do concello, Rodrígo Pavón, co presidente da Xunta en xaneiro.
Na reunión, Veleiro e Pavón demandaron “axilidade” para a sinatura do convenio necesario para a xestión municipal do comedor da escola infantil. “É unha competencia autonómica pero decidimos asumila porque os pais e nais necesitan o servizo, polo que só falta activar o convenio coa Xunta”, explicara naqueles intres a alcaldesa.
Feijóo anunciou que a mediados de febreiro íase asinar o convenio, por un importe de máis de 31.000 euros, incluíndo os meses deste curso e do curso que vén, que sufragará a Xunta.
Pero non foron estas as únicas demandas que se presentaron ante o titular da Xunta.
Para o Concello é prioritaria a construción dun centro de día, unha competencia autonómica, para evitar que as veciñas e veciños teñan que desplazarse a concellos limítrofes.
A intención do Concello é utilizar parte dos terreos da estación de autobuses para o centro de día, como xa lle manifestara a alcaldesa o pasado mes de outubro.
En materia de vivenda, Feijóo salientou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é propietario de 3 edificacións para rehabilitar, nas rúas Concepción Arenal, Ferrería e Porta da Cima. Unha vez que se obteña a autorización de Patrimonio, confirmou que a Xunta encargará a redacción dos proxectos dos dous inmobles e a demolición dos restantes. Por último, pedíronlle a Núñez Feijóo a reforma dos dous quilómetros da estrada LU-119, a entrada ao núcleo urbano desde Lugo, que presenta unha capa de rodadura nun estado moi deteriorado, así coma as obras necesarias para o arranxo das beirarrúas de ambas marxes. Trátase da última vía que queda por arranxar tralo proceso de transferencia de varios viais realizado no ano 2010.
“Quixemos trasladarlle estes temas de vital importancia, o centro de día, a xestión do comedor e a rexeneración do vial e as beirarrúas na rúa Galicia e Cidade de Lugo, sen perder a oportunidade de recordarlle outros asuntos, como a necesidade de incrementar a aportación da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar, a colaboración autonómica na ampliación do polígono industrial Sete Pontes ou as obras necesarias para o reacondicionamento e posta en valor do Mupav”, engade Pavón.
EN MARCHA
No tocante ás infraestruturas, o titular do Executivo autonómico referiuse ao reforzo do firme da AG-64, que está en execución, e recordou que a Administración autonómica está á espera de que o Concello autorice a execución dunha nova parada de autobuses.
En materia económica, Feijóo destacou que Vilalba conta, xunto co Concello de Abadín, cun novo obradoiro de emprego, denominado Terra Cha no Camiño. E, no eido educativo, confirmou as actuacións de mellora previstas no CEIP Mato Vizoso, que se sumarán as recentes actuacións levadas a cabo no IES Basanta Silva e no IES Lois Peña.