A Xunta aproba a construción dun novo matadoiro de capón e pito ecolóxico en Vilalba

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á execución dunha nave industrial no polígono de Sete Pontes, en Vilalba, destinada a matadoiro de capóns e de polo ecolóxico, autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos no marco da tramitación do procedemento.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados deste proxecto, sempre que se respecte tanto o recollido no documento ambiental e na restante documentación analizada como o condicionado que figura na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor —Caponcito SL— foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.
Froito desas consultas, realizaron as valoracións correspondentes e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran os condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas dos leitos fluviais; xestión de residuos; patrimonio natural e medidas de eficiencia enerxética.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, esta resolución remitiuse ao órgano substantivo —neste caso, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— e daráselle publicidade nos próximos días mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.
Cómpre precisar que o obxecto do proxecto avaliado é a execución dunha nave industrial no polígono vilalbés que se destinará a matadoiro de aves, concretamente, de capón de Vilalba con indicación xeográfica protexida (IXP) e polo ecolóxico. Contará con dúas plantas diferenciadas: unha baixa dedicada á matanza, cunha superficie construída de 693 m2, e un primeiro andar, destinado a zona de oficinas e sala de formación, de 139 m2. Existirá outra zona anexa de descarga e lavadoiro de camións, de 310 m2.
A capacidade produtiva instalada para o novo matadoiro en condicións ideais é de 400 polos ecolóxicos/hora e 100 capóns/hora. A matanza máxima diaria será de 2,25 T/día de capóns e 3,9 T/día de polo ecolóxico aínda que cómpre ter en conta que o matadoiro traballará nunha quenda de traballo de 8 horas diarias, sendo 5 as horas útiles de matanza de aves.
Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental.