A Xunta aproba o cambio de titularidade dun tramo da LU-113 a favor de Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+560 e 6+040
LU-113-ABADIN
17 Jul 2025

A Xunta de Galicia vén de aprobar o cambio de titularidade a favor do Concello de Castro de Rei das beirarrúas, cunetas, franxas de xardín, varandas e a superficie de dominio público viario correspondente a un tramo da estrada autonómica LU-113 ao seu paso polo núcleo de Castro de Ribeiras de Lea.

O Decreto 57/2025, do 7 de xullo, publicado no Diario Oficial de Galicia, establece que a transferencia afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+560 e 6+040 da LU-113, onde ambos os dous marxes da estrada están clasificados como solo urbano. Esta cesión permitirá ao Concello asumir a xestión, mantemento, conservación e explotación destes elementos, así como as funcións de disciplina viaria no tramo afectado.

A solicitude de transferencia foi realizada polo Concello de Castro de Rei á Axencia Galega de Infraestruturas, indicando que este cambio non afecta á calzada nin aos arcenes da estrada, polo que non altera a continuidade da rede autonómica de estradas. A Axencia, tras o informe favorable dos servizos competentes, propuxo formalizar o cambio de titularidade, ao considerar que estes elementos teñen unha funcionalidade eminentemente municipal e a súa xestión directa por parte do Concello facilitará a atención ás necesidades das persoas usuarias.

O decreto establece que a transferencia será efectiva ao día seguinte da súa publicación, e a entrega formal dos bens realizarase nun prazo máximo de tres meses mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Os planos e o documento do catálogo de estradas coas modificacións derivadas desta transferencia poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no apartado da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.67114806175232