A Xunta autoriza a planta de hidróxeno verde das Pontes

TerraChaXa
Entre outros aspectos que se recollen no informe atópase o de fixar un incremento máximo de temperatura de tres graos na vertedura en relación coa auga captada no lago
hidroxeno-verde
3 Out 2024

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental outorgou a autorización ambiental integrada (AAI) á planta de hidróxeno verde nas Pontes, cuxa promotora é a sociedade H2Pole, do grupo Reganosa.

En outubro de 2023, a Xunta xa outorgou a declaración de impacto ambiental (DIA) a este proxecto, que agora recibe luz verde para a autorización ambiental integrada, relativa aos diferentes requisitos que debe cumprir en materias como contaminación e ruído.

Entre outros aspectos que se recollen no informe atópase o de fixar un incremento máximo de temperatura de tres graos na vertedura en relación coa auga captada no lago das Pontes.

H2Pole terá que implantar no primeiro ano de funcionamento da planta un sistema de xestión ambiental normalizado conforme á normativa.

Deberá controlar as emisións á auga segundo o establecido polo órgano de conca na súa autorización de vertedura, tanto en parámetros como en frecuencia de control, tales como control continuo de PH. Terá que incluír cuestións como unha balsa de almacenamento de hidrocarburos para situacións de emerxencia.

Ademais, non se prevén malos cheiros, á vez que se establecerá un plan de xestión de ruídos, segundo a resolución publicada este mércores.

A terminal foi pensada para alcanzar un global de 100 megawatts de enerxía no seu desenvolvemento final. No seu completo despregamento, a capacidade produtiva anual chegará ás 16.000 toneladas de hidróxeno verde para distribución á industria local, para inxección á rede troncal de gas ou ben para transporte por cisterna, segundo as estimacións de Reganosa.

0.13861584663391